O PP abre a porta de atrás para a redución da protección do patrimonio

O goberno da Xunta introduce dúas modificacións á Lei de Patrimonio Cultural a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos que levarán a unha maior desprotección dos bens de interese cultural. 

cabecera-cova-eiros2

A través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos, a Xunta introduce dúas modificacións da Lei de Patrimonio Cultural que conducirán a unha maior desprotección dos bens patrimoniais. Unha delas afecta ao planeamento e outra directamente á protección dos bens. Coas modificacións o goberno de Feijóo dá pasos atrás na protección do patrimonio e faino a través dun mecanismo de rápida tramitación e sen debate social. 

Até agora, a Lei de Patrimonio contemplaba que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, contaba con tres meses para elaborar un informe sobre sobre a afección aos bens patrimoniais. Se o informe non se emitía neses tres meses, a actuación non se podería levar a cabo xa que se consideraba unha resposta negativa até a emisión dun informe de carácter positivo. Coa reforma que a Xunta promove a través da Lei de Acompañamento, no caso de que a Xunta non emita o informe no prazo establecido considerarase automaticamente que é favorábel. O atraso administrativo que acumula unha Dirección de Patrimonio mermada de persoal contribuirá así a que os proxectos se desenvolvan sen o control que ate agora se establecía sobre os bens patrimoniais. 

Urxente e sen informe do CES

A Xunta opta ademais para esta reforma por realizala a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos o que facilita unha rápida tramitación, pola vía de urxencia, sen informe ao Consello Económico e Social e sen o asesoramento de ningunha das instancias implicadas, nin sequera o Consello de Cultura Galega, organismo estatutario que ten como un dos obxectivos o asesoramento ao goberno e ao Parlamento en materia cultural e patrimonial. 

Ademais do artigo 32.4, a lei sufrirá tamén modificación no 53.1que ten a ver coa protección dos bens inmóbeis catalogados. Da mesma maneira, se o informe non se emite en tres meses, a resolución considerarase favorábel o que permitirá a calquera organismo ou particular efectuar un proxecto mesmo sendo afectado un ben patrimonial. 

O grupo parlamentar do BNG vai solicitar a retirada das modificacións que afectan á Lei de Patrimonio e reducen a protección sobre os bens patrimoniais. 

Comentarios