A quinta edición da Gala do Libro decorreu en liña

A "potencia creativa" do libro reclama o recoñecemento da Administración

A Gala do Libro Galego celebrou esta mañá a súa quinta edición de modo exclusivamente en liña, debido as circunstancias sanitarias. O evento puxo o  foco na "reinvención" do sector editorial e cultural ante os retos que presenta a Covid-19. Consistiu na montaxe dunha serie de vídeos pregravados nos que as persoas galardoadas agradeceron o recoñecemento.
EuropaPress_3422792_henrique_alvarellos_xose_anton_pedreira_cesareo_sanchez_mercedes_roson
photo_camera Imaxe de arquivo da comunicación dos galardoados. (Foto: Europa Press)

O evento, organizado pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Federación de Librarías da Galiza (FLG), quere premiar desta volta a excelencia de 15 obras publicadas durante 2019, e mais tres traxectorias no mundo da literatura. Así mesmo, o xurado concedeu tres premios de honra.

Na categoría narrativa recoñeceuse co galardón a obra Seique de Susana Sánchez Aríns e editada opr Através; na categoría de ensaio e investigación o premio recau en Dentro da literatura, de Suso de Toro e editada por Xerais.

A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira, editada por Oqueleo, venceu na categoría de infantil e, no apartado de literatura xuvenil, Os corpos invisibles de Emma Pedreira, editado por Xerais, levou o premio. Na categoría de Libro ilustrado, Irmá paxaro de Tamara Andrés, da editorial Cuarto de Inverno, e con ilustracións de María Montes fíxose cun galardón; outro foi parar ás mans de Antonio Seijas por A chaira, editado por Alita Cómics, dentro da categoría de Banda Deseñada.

O xurado tamén recoñeceu o primeiro tomo da investigación de Miguel Anxo Seixas Seoane en torno á figura de Castelao, Castelao. Construtor da Nación. Tomo I. 1886-1930, mentres que a tradución de Samuel Solleiro do clásico de Mary Shelley Frankestein ou o Prometeo moderno foi enxalzada como a mellor das publicadas en 2019.

Completan o palmarés Feliz Idade, de Olga Novo, na categoría de poesía e Citizen, do Grupo Chévere en Teatro, as dúas obras editadas por Kalandraka; ademais de Fosforencias, de Alvarellos, da poeta Lupe Gómez, con ilustracións de Anxo Pastor, que venceu no apartado de libro mellor editado.

Como cada ano, a Gala do Libro tamén recoñeceu a traxectoria de proxectos e personalidades vencellados ao mundo da cultura e da literatura. A xornalista María Yáñez, directora da web “Vinte”, recibiu o premio de Xornalismo cultural, mentres que Kalandraka TV, foi recoñecido como o mellor Proxecto literario en Internet. A libraría compostelá Chan da Pólvora, que este mesmo ano botou o feche, foi galardoada como iniciativa cultural ou de fomento da lectura do ano 2019.

Os tres premios de honra recaen no académico Basilio Losada Castro, Premio Honorífico á Edición, na vasca Mariasun Landa, Escritora Galega Universal, e na libraría Brañas Verdes, situada en Carballo.

A gala estivo, que tivo lugar ás 12 horas, foi presentada polo contador e director de teatro, Quico Cadaval e contou coa intervención do presidente da AGE, Xosé Ballesteros, no nome das tres asociacións responsábeis da Gala. No seu discurso, Ballesteros destacou a potencia creativa do libro galego ao tempo que demandou das Administracións o seu recoñecemento como ben de primeira necesidade. Recalcou desta maneira que “a industria do libro é un sector estratéxico, segundo se recolle na Lei do Libro”. “Seguimos a reivindicar que ao sector da cultura se lle dedique o 2% dos orzamentos anuais”, lembrou.

Xosé Ballesteros quixo agradecer ás persoas que fixeron posíbel o evento e tamén ás persoas falecidas ao longo deste ano, cunha mención especial a Xulio Amigo, director comercial da Editorial Galaxia e membro da directiva da AGE.

O xurado estivo composto pola xornalista Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso e o crítico Ramón Nicolás.

Comentarios