xoves 02/12/21

Positivas estrea unha colección de teatro en parcería co CDG

A editorial que dirixe Francisco Macías vén de publicar o primeiro libro da colección ‘O papel do teatro’. É a versión en galego do ‘Tartufo’ de Molière. 

tartufo
Edición do ‘Tartufo’ de Molière

A versión ao galego do ‘Tartufo’ de Molière é o primeiro número da nova colección de libros ‘O papel do teatro’, promovida polo Centro Dramático Galego (CDG) e realizada en réxime de coedición entre Edicións Positivas e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

A publicación en papel recolle ao longo de 96 páxinas a tradución da obra do dramaturgo francés –en versión de Eva Alarte e Carles Alfaro– asinada por Loli Ramos. Sobre este texto o CDG construíu o espectáculo estreado no Salón Teatro de Santiago de Compostela o pasado setembro e representado ata finais de ano por distintos escenarios galegos.

‘Tartufo’ abre así a colección ‘O papel do teatro’, unha iniciativa de Fefa Noia, directora do CDG, para darlle cabida aos textos producidos pola compañía pública que non foran traducidos ao galego con anterioridade e publicados en soporte papel. A finalidade é retomar e continuar coa tarefa de edición de pezas dramáticas no noso idioma que se viña facendo por parte do CDG desde os seus inicios co obxectivo de que poidan estar a disposición dos lectores no futuro.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Positivas estrea unha colección de teatro en parcería co CDG