Positivas bota a andar unha campaña de subscrición á obra completa de Vidal Bolaño

“Ágora” e “Outrora” son os dous primeiros volumes da Obra Completa de Roberto Vidal Bolaño que en poucos días chegarán ás librarías. Edicións Positivas, que inician a publicación de todos os escritos do autor das Letras Galegas 2013, propón un sistema de subscrición para implicar no proxecto
Roberto Vidal Bolaño
photo_camera Roberto Vidal Bolaño

Coa publicación dos dous primeiros volumes, Edicións Positivas inicia unha campaña de subscricións co fin de acadar implicación nun proxecto que pola súa dimensión supón un “magno esforzo” para a editora. As persoas que se subscriban á obra completa gozarán dun desconto do 21% do prezo en libraría.

No primeiro volume, “Agora” recolleranse algunhas pezas das cales aínda queda memoria polo seu paso polo escenario. Integral, Animaliños, Anxeliños!, Criaturas, Rastros e Saxo Tenor, inclúense nesta primeira entrega que achegará o público lector a algunhas das pezas dramáticas de Roberto Vidal Bolaño. Canda el, ás librarías chegará “Outrora”, con outras seis pezas clave na dramaturxia contemporánea galega: Mar revolto, A burla do galo, Doentes, As actas escuras, Días de Gloria e Agasallo de Sombras, que será o volume máis amplo da colección, con 475 páxínas.

Sae do prelo un proxecto en que Edicións Positivas leva tempo traballando, mesmo antes de que a Academia decidise a designación de Roberto Vidal Bolaño como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2013. A Obra Completa publicarase en seis volumes de máis de 2.000 páxinas na súa totalidade, en que se recollen non só a súa obra dramática senón tamén as adaptacións (A ópera de a patacón, Percival e Os papalagui) e os textos non dramáticos de pensamento e audiovisual.

A editora que dirixe Paco Macías será o selo en que tamén sairá publicada a biografía de Roberto Vidal Bolaño en que está a traballar o seu fillo Roi Vidal.

Comentarios