Curtas de Vila do Conde

Como Portugal salvou o cinema

A 26ª edición de Curtas de Vila do Conde (Portugal) cumpriu cun dos seus principais obxectivos: a divulgación do cinema que non é visto noutro lugar. O crítico Martin Pawley ofrécelle a Sermos Galiza a ollada dun festival que contou cunha programación ecléctica. Eis un extracto da crónica publicada no número 307 do semanario.

ONDE O VERAO VAI
photo_camera Fotograma de "Onde o verao vai"

6“Primeiro estranha-se, depois entranha-se”. Este foi o slogan comercial que en 1929 inventou o poeta Fernando Pessoa para o máis popular dos refrescos de cola. O escritor, que traballaba como correspondente comercial ben valorado polo seu dominio da lingua inglesa, recibiu o encargo de idear unha mensaxe publicitaria de parte da compañía de Moitinho de Almeida, que tiña a representación da bebida en Portugal. Cando tivo noticia da campaña, o director de saúde de Lisboa, Ricardo Jorge, acordou a prohibición do produto tomando en consideración a propia frase de Pessoa: se primeiro parecía estraño mais logo un se afacía é porque tiña algún potencial estupefaciente, aditivo. Foi así que o tal refresco tardou case cinco décadas en establecerse ao sur do Miño.

Este episodio real inspira o novo filme dun autor maior como é Eugène Green. Nacido nos Estados Unidos, mais francés por vocación, e cineasta tardío –tiña 53 anos cando estreou o seu primeiro filme, Toutes les nuits–, Green é un apaixonado defensor da lingua e a cultura como portadora da memoria dos pobos. O seu cinema é unha festa para os ouvidos, unha festa en que os textos son declamados para desvelar neles a súa absoluta transcendencia. Tamén para os ollos, na súa elegante e repousada aposta polos planos frontais que sitúan o rostro humano –un rostro que fala, que escoita, que pensa– no centro do pantalla. Esas marcas de estilo son as que emprega para relatar a anécdota de Pessoa, que nas súas mans se converte nunha verdadeira salvación de Portugal: as palabras do poeta axudaron a evitar a colonización do país en forma de bebida carbonatada. Máis alá da ironía, da piada cultureta, a curta do xenio francés é unha nova reivindicación da arte e o coñecemento como acto de resistencia.

Para ben e para mal “o gosto cultural forma-se”, como recorda un dos personaxes, e todos nós partillamos esa responsabilidade. Como Fernando Pessoa salvou Portugal, o seu regreso ao país veciño nove anos despois de A Religiosa Portuguesa, é o grande Green de sempre concentrado en 27 minutos, cun elenco sobresaliente encabezado por Carloto Cotta, Diogo Dória e o director Manuel Mozos: poucos nomes nunha pantalla ofrecen tanta esperanza de ledicia para o cinéfilo coma o seu.

[Podes ler a crónica íntegra no número 307 de Sermos Galiza á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios