Portugal homenaxea a Uxía nos seus 30 anos de carreira:  “Este tributo vén da casa tamén”

Tan caladiño o tiña que tivemos que nos enterar polos portugueses de que Uxía cumpría 30 anos de dedicación á música. Senllos concertos en Lisboa, Coimbra e Porto lémbrannos a traxectoria desta cantora e promotora cultural. 

Uxia
photo_camera Uxía

- Que pasou hai 30  anos?
- Pois que participei no Festival de Bergantiños en Carballo. Eu estudaba Filoloxía en Santiago e a música estaba sempre moi presente -polo menos á par que os estudos- e decidín probar sorte naquel certame que era un clásico. E fun coa miña guitarriña soa, había un montón de grupos, e gañei o primeiro premio cun tema meu, “Na noite espero”. Isto fíxome pensar que podía dar o salto á música e así foi. Contactoume unha discográfica e publiquei o disco ao ano seguinte, no 86, foi todo moi rápido. 

- Todas quedamos abraiadas ao vermos que en Portugal che facían unha homenaxe polos teus 30 anos de carreira e aquí non sabiamos nada. 
- Foi unha historia de amor en Portugal. Unha produtora de alí cun montón de xente decidiron facer estes tres concertos e está a saír moito nos medios, o que demostra o cariño inmenso que hai en Portugal pola miña música, correspondidísimo. Eu creo que son anos de visitar Portugal, de contactar con músicos de alí, estar presente nos acontecementos, estiven na expo 98, fun a única artista non portuguesa que celebrou o Día de Portugal nesa expo, e foi moi significativo para min. E desde aquela tiven unha presenza bastante constante. Para min é como estar na casa. Eu sinto que este tributo vén da casa tamén. Estou moi feliz, foi inesperado, e a acollida está sendo fantástica, todo o que se ten escrito nos medios, e sobre o labor de embaixadora de Portugal aquí. Supoño que é un recoñecemento aos anos de traballo.

- Non tes pensado facer nada en Galiza?
- Eu quería pechar a xira de 'Meu canto' con algúns concertos. Quizais fose o momento, aínda que por agora non hai nada. 

- Tes algún proxecto na cabeza ademais do de Narf que xa presentaches hai uns meses?
- Isto con Narf deunos moitas alegrías, estamos facendo moitos concertos e imos continuar, pero hai máis proxectos á vista, claro. O 6 de outubro gravaremos na Casa de Manuel María o disco que xa fixemos hai tres anos en directo, coa incorporación de algún tema novo e a colaboración de Xabier Díaz. Un traballo cunha edición moi especial, con motivo das Letras do ano que vén. Estamos tamén gravando un disco con poemas de Uxío Novoneyra. E levo preparando un novo traballo meu con novas composicións, mais aínda está en estado  embrionario. 

- Á marxe da música está ese papel teu de embaixadora, de promotora cultural e de acolledora de artistas novos. De feito, vés de crear a editorial Edicións da Madriña...
- Tentarei que ese selo acolla proxectos interesantes da música galega, eu sempre tratei de dar a coñecer os novos proxectos. Agora mesmo eu creo que en poucos lugares do mundo se da neste momento un potencial deste calibre, desde o jazz, pasando polo rock ou a música de raíz, realmente estamos nun momento glorioso e dentro das miñas humildes posibilidades trato de divulgar o que se está a facer. Eu o que trato sempre é de animar ás figuras emerxentes. Por exemplo, no concerto de Lisboa estaba Aline Frazão, que se considera 'angolega', que desde Cantos na Maré tratamos de descubrir. Esa vocación sempre está moi presente en min. Segundo meu pai herdeino del, que é un cazatalentos, seica (ri). E músico, claro. 

- Estas efemérides serven para mirar atrás e facer unha valoración. Cal fas da túa carreira?
- Eu creo que foi un camiño apaixoante, non exento de dificultades e de atrancos, mais ao mesmo tempo deume oportunidade de coñecer moito mundo, outras culturas, de experimentar musicalmente, algo que non perdín ao longo destes anos. Non perdín a curiosidade e deume a alegría de poder dedicarme profesionalmente a un oficio fascinante que é cantar, crear, compoñer... Pasei por tantas experiencias que, sen dubidalo, repetiría todas e cada unha delas. Comecei coa miña guitarra, fixen proxectos do máis variopinto, con músicos de todos os lugares e tendendo pontes, que é o que máis me gusta. E entendendo a música como algo colectivo, como unha creación colectiva. 

Comentarios