Cultura

Portugal, convidado no VII Carballo Interplay

O festival de contidos dixitais serve de punto de encontro entre empresas e creadoras
Presentación durante o Día PRO do Carballo Interplay 2019 (David Tombilla)
photo_camera Presentación durante o Día PRO do Carballo Interplay 2019 (David Tombilla)

Este ano, a capital da comarca de Bergantiños, convertida durante uns días en epicentro dos contidos dixitais, tecerá rede con Portugal, que asiste como país convidado. A VII edición do Carballo Interplay, que se celebrará de 2 a 4 de abril baixo a dirección de Sonia Méndez, virá con encontros profesionais de representantes de cadeas e plataformas portuguesas, como RTP Lab ou Canal 180, así como doutras empresas estatais, como Playz, Flooxer e Globomedia, para alén da TVG.

Coa colaboración do Cluster Audiovisual Galego, participarán no Día PRO responsábeis da Academia Portuguesa de Cinema e de produtoras lusas, como BeActive, Promenade, Comicalate, Videolotion, Souza Filmes ou Pergunta Exótica. Será a sexta feira 3 de abril no Pazo de Cultura de Carballo. O obxectivo é conectar as creadoras coas principais plataformas e produtoras que apostan actualmente polos contidos dixitais.

A xornada dividirase en dúas partes: pola mañá haberá presentacións e debates, mentres que pola tarde se estabelecerá un punto de encontro para que creadoras, produtoras e plataformas intercambien ideas para posíbeis colaboracións futuras.

Ademais, seguindo a liña de conexión con Portugal, Rogério Gomes contará como a Rádio e Televisão de Portugal (RTP), como servizo de medios públicos, procura estimular a creatividade e a innovación de forma pioneira coa creación do RTP Lab, un laboratorio creativo e experimental que produce contidos pensados para un soporte multiplataforma.

Con este fin, o RTP Lab abriu unha convocatoria dirixida a todo o público na procura de produtos de ficción e humor que utilicen novas formas de narrativa en eidos exclusivamente dixitais. O resultado son varios proxectos que xa empezaron a ver a luz e que se darán a coñecer como mostra no Interplay.

Webserie en galego

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay continúa a actuar como impulsor da creación dixital co Premio a proxectos de webserie en galego, que, despois de resolver de maneira insólita por dúas das candidaturas na pasada edición, dá nesta ocasión un salto cualitativo duplicando a súa dotación económica. Destinará así 3.000 euros á produción de tres capítulos do proxecto escollido.

A convocatoria está aínda aberta á presentación de iniciativas, das que as finalistas se enfrontarán a un pitching en directo a quinta feira 2 de abril. A que consigue o financiamento estrearase na oitava edición do Carballo Interplay, o vindeiro ano. Seguindo esta dinámica, ese mesmo día proxectaranse as gañadoras da última edición do festival, Amnesia 3.0 e Xan.

Comentarios