Portugal celebra o centenario de Agostinho Neto

Unha xornadas na cidade do Porto conmemoran o centenario do nacemento de Agostinho Neto, poeta, médico e líder do Movimento Popular de Libertação de Angola (MPLA) que foi o primeiro presidente do país tras a independencia.
Agostinho Neto, en 1975. (Foto: Rob Mieremet)
photo_camera Agostinho Neto, en 1975. (Foto: Rob Mieremet)

Esta sexta feira e máis o sábado, na Faculdade de Letras da Universidade do Porto e no Museu Militar da mesma cidade, terán lugar as xornadas internacionais de debate 'Sou um dia em noite escura: centenario de Agostinho Neto (1922-2022)', nas que se celebra o centenario do que foi o primeiro presidente da República de Angola, así como a súa obra poética e a loita política do médico e revolucionario angolano.

O coloquio contará coa presenza do embaixador de Angola, o doutor Carlos Alberto Fonseca, e de varios investigadores que debullarán diversos aspectos da obra poética de Neto, como, entre outros, Ana Maria Martinho, que falará sobre 'Poesía e Revolução'; Ana Ribeiro, sobre 'A mulher na poesía de Agostinho Neto'; Pires Laranjeira, cunha intervención titulada 'Como Agostinho Neto antecipou Frantz Fanon: a renúncia impossivel de ser negro'; ou Roberto Vecchi, que disertará sobre 'O principio esperança: poesia e sobrevivência en Agostinho Neto'. 

Xosé Lois García aborda a poesía de Agostinho Neto

O especialista en literatura de expresión portuguesa en África e colaborador de Nós Diario Xosé Lois García intervirá na xornada da tarde de hoxe cun relatorio titulado 'A poesía de Agostinho Neto na Espanha e outros anexos'. 

Agostinho Neto (1922-1977)fixo parte da xeración de estudantes africanos que tiveron un papel decisivo na independencia dos seus países na Guerra Colonial Portuguesa. Desde moi novo, converteuse nunha figura dentro dos movementos nacionalistas angolanos. Foi un dos primeiros membros do Movimento Popular de Libertação de Angola (MPLA) e asumiu a Presidencia de Angola en novembro de 1975 cando o país obtivo a independencia. 

En paralelo á súa actividade política, desenvolveu unha moi  notábel carreira literaria, especialmente no campo da poesía. 

Comentarios