Portas abertas, noites blancas e festa para conmemorar o Día Internacional dos Museos

Os museos abren as súas portas con actividades especiais encamiñadas á conmemoración do Día Internacional dos Museos que se festexa en boa parte do mundo o próximo domingo día 18. Actividades especiais e gratuítas durante toda a semana e unha xornada de festa en cada un dos museos do país. 

Museo de Lugo
photo_camera Museo de Lugo

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC),  Museo das Peregrinacións e de Santiago,  Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA),  Museo Fundación Eugenio Granell, o Museo do Pobo Galego e o Museo Fundación Catedral de Santiago xúntanse na proposta “Entre coleccións. Cruzando miradas” a través do que, até o vindeiro 26 de maio, cada un dos centros mostrará nas súas salas obras que proveñen doutras coleccións. “Paisaxe con cazadores e peregrinos”, de David Teniers Iio Novo, por exemplo, que forma parte dos fondos do Museo das Peregrinacións, agocharase nos espazos do CGAC que, ao mesmo tempo, emprestará unha das dúas pezas ao MUPEGA. Entre outras actividades paralelas, os centros educativos participarán nunha acción na que deben atopar a obra “intrusa”. 

"A través de  “Entre coleccións. Cruzando miradas”, até o vindeiro 26 de maio, cada un dos centros mostrará nas súas salas obras que proveñen doutras coleccións"

Cada un dos centros manterá, ao tempo, unha actividade especial non só na xornada senón tamén nos días previos. O concerto de Vertixe Sonora Ensemble, será un dos partos fondos da do CGAC. 

Unha xornada de portas abertas de 11 a 20 horas arredor da auga doce -protagonista da exposición que ten aberta- é a oferta do Museo Centro Gaiás con actividades didácticas para as crianzas. 

O Museo de Belas Artes da Coruña introduce no seu programa visitas teatralizadas á colección e visitas guiadas alén do concerto ‘Atlantis Piano Dúo’ con Sophia Hase e Eduardo Ponce dentro do XIV ciclo de Música para unha época. 

Ao Museo do Castro de Viladonga (Lugo) a sexta feira día 16 chegará o espectáculo “O Afiador Rodesindo de Barrosa” de Pepe Penabade ademais dunha conferencia-homenaxe a Diaz Castro por medio de Mini e Mero. Xogos populares, e actividades de recreación histórica serán a oferta do sábado por medio das asociacións do campamento de Arde Lvcvs, Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Lugdunum, Terra Copora e do Club de Bolos O Cadaval de Pacios ademais da actuación musical d´Os Valuros e do Mago Rafa. Unha visita nocturna a partir das 22.30 unirá o Castro á Noite Internacional dos Museos. 

"O nome “Os vínculos creados polas coleccións dos museos” agrupa ás actividades dos catro museos da Rede dependente da Deputación Provincial de Lugo".

Tamén o Museo Arqueolóxico de Ourense ofrece visitas guiadas e outras actividades como o  taboleiro de xogo de 'Aqvis Qverqvennis' e o obradoiro 'Ludus, a xogar como os romanos' para pechar o día cun concerto de Mónica de Nut. Os parques arqueolóxicos ofrecerán tamén unha programación especial, e, así o da Cultura Castrexa de San Cibrao de Lás, entre outras, ofrecerá un concerto con Narf e o seu novo “Nas tardes escuras” para rematar cunha visita nocturna ao castro mesturando arqueoloxía e astronomía mentres no Arqueolóxico de Campo Lameiro o sábado 17 poderase asistir a un “paleoconcerto” con Neonymus, a proposta de Silverios de Ura evocando con singulares instrumentos os sons da Prehistoria. 

 Vínculos creados en Lugo 

O nome “Os vínculos creados polas coleccións dos museos” agrupa ás actividades dos catro museos da Rede dependente da Deputación Provincial de Lugo. Entre elas, festexarase o nacemento do “Club Ei!”, unha inciativa para a mocidade que se suma ao Club Pequeamig@s e o Club Sénior. 

A Semana dos Museos desenvólvense até o día 18 rematando coa Noite dos Museos, o sábado 17 de maio máis o Día Internacional dos Museos o domingo. “Noites de lume, contos e medo” será unha actividade que conta co apoio da Asociación Cultural Lusco Fusco e se realizará ás 22 horas, nos Xardíns do Museo de Lugo.
 
“Nesta edición, o programa realizouse coa participación de máis de 150 persoas, a través dos clubs da Rede e de varios grupos sociais, nun intento de facer museos comunitarios, imbricados coa sociedade e para todos. Dentro desta semana, na que tamén celebramos o Día das Letras Galegas e a Noite dos Museos, teremos un amplo e variado programa de actividades repartidas polos catro museos que integran a Rede Museística da Deputación de Lugo, atendendo as diferentes idades”, explicou o nacionalista Mario Outeiro, responsábel da área de Cultura. Rutas medievais, exposicións, actividades didácticas e música para conmemorar, en rede, o Día Internacional dos Museos. 

Tamén o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo prepara unha programación especial para a fin de semana, con actividades didácticas, musicais e artísticas que xiran arredor das súas dúas exposicións abertas, 

Comentarios