Debo confesar que sempre tiven certa debilidade pola banda de Hortaleza. Son consciente de que non son os máis técnicos, nin os que mellor cantan, nin os máis rápidos, pero teñen unha frescura ramoniana que fai que a súa música entre para ficar.
No disco non atopamos nada novo baixo o sol, mais tampouco era o que agardabamos. 11 temas que soan a Porretas de principio a fin,iso si, aínda máis guitarreiro e cañeiro que en anteriores entregas, mais sen perder o seu sinal de identidade, cousa da que sen dúbida ten moita culpa o produtor Manuel Arévalo.
No disco atopamos referencias a temas de actualidade como o caso Bankia en “Bankiarrota”, ou ao caso Urdangarín en “Atrapa a un ladrón”, co seu propio estilo divertido e festeiro, máis tamén sitio para temas máis serios, como a memoria histórica. “En las cunetas” fala dos asasinados na guerra civil que foron soterrados nas cunetas e en foxas comúns sen que aínda hoxe a súas familias poidan saber onde están e de como o propio goberno pon todo tipo de impedimentos para que atopen os que “morreron por un soño”.
Punk Rock de barrio, cervexas e futbolín
Dentro da festa habitual, deixan oco á melancolía en temas como “Mi Barrio”, adicado a Hortaleza. “Los Amigos” unha chamada a aproveitar os bos tempos cos amigos ou o espectacular “Siempre estarán”, que para min é un dos mellores temas do disco, onde botan a vista atrás lembrando os que quedaron no camiño -así como as bandas que os marcaron como os Sex Pistols, Ramones, La Polla ou Leño- completan o trío de temas nostálxicos.
“Mi abuelo Amadeo” foi o tema elixido como como single. É un tema de corte mais country que fala de xogos de cartas, e que conta historia do avó do baixista da banda. Un tema moi cantábel, que si ben xa o tiñamos moi escoitado por ser o tema de adianto do disco, métese na cabeza de xeito que non podes deixar de cantar o seu retrouso.
Un disco moi “porreteiro”, cheo de retrousos pegadizos e temas festeiros. Punk rock de barrio, cervexas e futbolín
Listaxe de temas
1. Bankiarrota
2. En Mi Barrio
3. Atrapa a un Ladrón
4. En las Cunetas
5. Cara de Culo
6. Los Amigos
7. Tú Eres Así
8. Siempre Estarán
9. Mi Abuelo Amadeo
10. Un Mal Trago
11. Ska-Pate
Porretas na rede
Web: www.porretas.com
Facebook: www.facebook.com/porretasoficial
Twitter: @Porretas5