Pontevedra "volve á normalidade" con Xabier Díaz, Adufeiras e Guadi Galego

 A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, presentou a pasada sexta feira a aposta do Concello pola volta á normalidade da cultura, en concreto do sector da música ao vivo: un concerto de Xabier Díaz e Guadi Galego o 4 de xullo. "Queremos recuperar esa forma de traballar, ese pulso, por suposto sen descoidar as medidas de seguridade e adaptándonos aos requirimentos das autoridades sanitarias", explicou.
2020060612401518320
photo_camera De esquerda a dereita, Xabier Díaz, Guadi Galego e Carme Fouces.

Todo isto responde á política de non cancelación que se levou a cabo durante o confinamento, na procura de diferentes formatos que permitisen desenvolver a programación ou manter os compromisos para buscar, coma neste caso, novas vías de realizalos, especialmente coas artistas galegas. "Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre estaban programadas para As Matinés do Principal o pasado mes de maio e Guadi Galego para outubro dentro de Voices", comentou Fouces. En troques, decidiron facer unha "fusión de ciclos" onde ambos van presentar os seus traballos. 

Trátase dunha proposta potente pola cantidade de público que moven, mais desde o concello aseguran ter espazos, como a explanada do Pazo da Cultura, que permitirán levalo a cabo con todas as medidas de seguridade oportunas. Igualmente, Fouces indicou que con esta iniciativa contribúen a que a cultura se recupere do golpe, reactivando ao tempo a economía, pois darase emprego a máis de 15 empresas e preto de 50 persoas.

"Tamén agardamos que teña impacto no sector da hostalaría", engadiu. Xabier Díaz apuntou na súa intervención á importancia de pasos coma este, que agarda ver noutras Administracións. "Dos 20 concertos que tería entre xullo e agosto, hai polo menos 16 que non sei se se van levar a cabo ou non", declarou.

Coa meirande parte do traballo "entre parénteses", as músicas precisan de reprogramación. Con todo, o compositor mostrouse ilusionado co que finalmente será o primeiro concerto da xira d'As catedrais silenciadas", que quedara sen comezar por mor do COVID-19.

De maneira oposta, Guadi Galego ía fechar a súa tourné -da que só chegou a facer seis concertos- en Pontevedra no mes de outubro. A cantante mostrouse emocionada ante a reactivación, pois "non sabiamos se isto ía pasar, se iamos poder tocar, se o país estaba preparado para dar soporte", explicou.

Tamén botou a ollada cara a outras Administracións públicas e empresas privadas, convidándoas a se animaren a crer na cultura como "motor económico", coa esperanza de que "isto sexa unha oportunidade para as artistas galegas, que ás veces non teñen a visibilidade que merecen". 

Comentarios