XVII Feira Franca

Pontevedra volve ao século XV

Xograres, artesás, canteiras, ferreiras, palilleiras, cesteiras, oleiras, redeiras, xograres, artistas, comerciantes... a Boa Vila regresa ao século XV dan man da Feira Franca, que xa vai pola súa décimo sétima edición. Unha edición que, segundo o Goberno local, está a ser “récord” a nivel de asistencia.

feira2
photo_camera [Imaxe: Concello de Pontevedra] Feira Franca

Como cada ano, na primeira fin de semana de setembro, Pontevedra vístese de Medievo para conmemorar a Feira Franca, unha festa que ten a súa orixe en 1467, ano en que o rei Henrique IV lle permitiu á cidade do Lérez organizar un mercado libre de taxas durante os quince días previos ao 24 de agosto e durante os quince días posteriores.

No ano 2000, o Goberno encabezado por Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), e do que era edil de Cultura Luís Bará (o impulsor da festa), decidiu recrear o mercado na praza da Ferraría. Desde entón, a Feira Franca, de marcado carácter cultural, acabou por se converter nunha das citas obrigadas do verán.

Da Silva: "A participación é “fundamental para que a festa sexa o que é"

Unha edición "récord"

Na xornada desta mañá, a concelleira de Festas, Carme Da Silva, sinalou que a deste ano é “unha edición de récord” a respeito do número de persoas que participan da Feira Franca. Precisamente, a edila do Bloque sinalou que a participación é “fundamental para que a festa sexa o que é”. Aliás, puxo en valor o traballo que desenvolve o Consello Aberto da Feira Franca, formado por representantes do tecido veciñal e social de Pontevedra. Este colectivo organizador prima os criterios da participación e da calidade, que este ano, segundo a concelleira, ten un nivel “altísimo”.

A edila nacionalista agradeceu a colaboración de asociacións veciñais e entidades sociais e culturais que participan nesta XVII Feira Franca coa organización de obradoiros e actuacións musicais. Este ano a música desenvolve un papel fundamental, ao ser o fío condutor dos dous días de Feira Franca, que arrincou na tarde da sexta feira.

Actividades

O casco histórico da cidade acollerá durante todo o sábado e até a noite a mostra de oficios e numerosas actividades que abranguen desde ruadas, a obradoiros con xogos populares, exhibicións de esgrima, cetraría, tiro con arco e danza ou a recreación do transporte do viño. A cita máis concorrida é o torneo medieval que acolle a praza de touros. Podes consultar o programa nesta ligazón.

[O último Caderno de Verán, publicado xunto ao Sermos Galiza 211, recolle unha ampla reportaxe sobre a Feira Franca. Xa á venda na loxa]

Comentarios