Pontevedra volve enmeigar a Galiza coa súa Feira Franca

Milleiros de pontevedres@s e visitantes mergúllanse todo o día na XIII edición da Feira Franca, o broche de ouro perfeito para o verán galego

Cultura, festa, patrimonio, historia, convivencia... Pontevedra é nesta fin de semana o epicentro de todo o que non hai que perderse. A cidade do Lérez leva xa trece anos de Feira Franca, un evento nado no ano 2.000 para conmemorar o privilexio que Henrique IV concedera aló polo 1467 a Pontevedra e que é hoxe en día é un fenómeno incomparábel, en boa medida grazas á implicación directa dos e das pontevendresas en actividades, vestiarios, programación...

A tardiña da sexta os pregoeiros a cabalo pasaron polo centro histórico anunciando o incio da XIII Feira Franca, centrada nesta edición nos xogos populares. Foi o punto de partida para máis de 24 horas de obradoiros, espectáculos, pasarrúas, mercado, música, teatro, xogos populares, cetraría, xustas medievais... e mil cousas máis. A zona vella pontevedresa transfórmase naquela vila do século XV que, grazas á concesión da Feira Franca (trinta días de feira exenta de tributos e impostos reais), fora centro comercial da Galiza.

Envexa san

Son milleiros as persoas que se mergullan nas actividades e que viven a Feira Franca desde dentro. Son ducias os colectivos e asociacións que se implican na súa organización e desenvolvemento, que se canaliza a través do Concello aberto. Aquela aposta de hai trece anos do goberno muncipal nacionalista callou hoxe en día nunha realidade que xera envexa (sa, claro) no resto da Galiza.

A gozar!

O tempo acompañou á Feira, coma case sempre, e as rúas do casco histórico de Pontevedra son un formigueiro no que se misturan labreg@s, nobres, cabaleiros, artesás e xuglares. Non ir vestido acorde aquela época non impide gozar da Feira Franca, mais, sinceramente, non é o mesmo. Percorrer as rúas históricas entre postos de artesanía, mostras de oficios (ferreiros, cesteiros...), tabernas, música é, unha gozada. Pódense pasar horas simplemente paseando por estas rúas e mirando (e escoitando). Un programa cheo de actividades, e disposto a non dar tregua a veciñ@s e visitantes, éo alicerce sobre o que os e as participantes (re)viven unha época de explendor comercial para Pontevedra, cando o ribeiro e a sardiña facían desta vila o lugar onde todo o mundo quería estar. Igualiño que agora, seis séculos despois, coa Feira Franca: Todo o mundo quere estar.

Comentarios