Pontevedra tece fíos entre as músicas para reivindicar as vítimas da ditadura

O departamento de Memoria Histórica da Deputación organiza a Gala da Memoria, que servirá de homenaxe ás vitímas da ditadura franquista cando está a piques de chegar o 85 aniversario dos asasinatos na Caeira. O evento na lembranza de todas e todos os represaliados terá lugar o 5 de novembro.
A cantautora galega será unha das artistas da Gala da Memoria. (Foto: Su Garrido Pombo) #sugarrido #memoria #galadamemoria #deputacióndepontevedra #música #vítimas #franquismo
photo_camera A cantautora galega será unha das artistas da Gala da Memoria. (Foto: Su Garrido Pombo)

A Gala da Memoria, o evento musical e audiovisual que promove a área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, está cada vez máis perto e comezan a coñecerse detalles dun acto no que as artes converxen e se alían para reivindicar aquelas persoas que foron vítimas da ditadura franquista. Aliás, o evento terá un significado especial, pois coincide no tempo co 85 aniversario dos asasinatos da Caeira, en Poio, nos que foron represaliados Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz, entre outros, e cuxa querela segue o seu curso na Arxentina. 

Nese festival da memoria, un proxecto que xorde para pór de relevo a figura daquelas persoas que foron executadas e fornecelas de homenaxe, facéndoas presentes dalgunha forma, participarán solistas e grupos galegos como Uxía, Sheila Patricia, Pedro Pastor, Wöyza, García MC -coñecido tamén pola súa pertenza ao colectivo Dios ke te crew até hai uns anos-, Su Garrido Pombo e Eladio Santos, o que vén tecer un “cartel de luxo”. 

A cita, para a que se permitiu a inscrición para asistir como público, terá lugar a próxima sexta feira 5 de novembro. O obxectivo é que se poidan completar as 772 prazas que se van habilitar na situación actual para lembrar as vítimas con música de diferentes estilos. 

“O espectáculo pretende ser unha nova oportunidade para visibilizar que a música é unha ferramenta poderosa e unha boa aliada da memoria histórica para reivindicar", destaca a área de Memoria Histórica

De feito, desde a Deputación destacan que estarán sobre o escenario "unha miscelánea de artistas de moi diferentes xéneros coas súas voces, en solitario e a través de duetos e colaboracións”.

Por exemplo, a cantante Uxía é de sobra coñecida pola súa traxectoria profesional na Galiza e fóra; Su Garrido Pombo é unha cantautora que xoga a crear sons coa “bossa, o folk, o jazz ou o latin” e Wöyza destaca na escena polo seu control das palabras no hip-hop. 

“O espectáculo pretende ser unha nova oportunidade para visibilizar que a música é unha ferramenta poderosa e unha boa aliada da memoria histórica para reivindicar, xerar emocións, e conectar co público a través tamén do humor, rebeldía, irreverencia e compromiso”, reflexionan desde o departamento que dirixe a deputada María Ortega.

Pero nesa conxunción de artes tamén estarán Juanma Lodo para amosar os terreos aos que enfoca a videocreación galega e Aldaolado -dúo formado por María Lado e Lucía Aldao- para amosar que a poesía non presta oposición ao humor co que dirixirán a gala. Esta aproveitarase para reparar no documental que foi a iniciativa orixinal para devolver as vítimas ao seu lugar.

Comentarios