mércores 05/08/20

Pontevedra soará 'Con voz de muller' durante toda esta semana

Música, teatro ou poesía en feminino de mañá a domingo
A cantante Najla Shami estará en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
A cantante Najla Shami estará en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

Co obxectivo de "facer visíbel a importancia e o papel imprescindíbel que teñen as mulleres deste país na transmisión da cultura e na viveza e riqueza que ten o noso panorama cultural", a concelleira de Festas e Dinamización Sociocultural de Pontevedra, Carme da Silva, anunciou o nacemento do festival Con voz de muller, que se desenvolverá desde mañá 30 de xullo até o domingo 2 de agosto.

Na presentación tamén estiveron presentes a poeta Silvia Penas; a directora teatral Vicki Estévez; as cantantes e compositoras Faia e Belén Tajes; a regueifeira Alba María; a actriz Patricia de Lorenzo; e as tres Pandereteiras de Verducido, Clara, Candela e Cecilia. Os seus nomes son algúns dos protagonistas das 12 propostas diferentes que oferta un certame que combina os proxectos individuais cos colectivos, mesturando disciplinas como o teatro, a música ou a poesía, sempre co nexo en común da "voz das mulleres", o que en palabras de Carme da Silva "dá mostra da pluralidade que hai na actividade cultural e artística da Galiza".

As actuacións repartiranse entre os días 30 de xullo, 31 de xullo e 1 de agosto en tres escenarios: a praza da Ferraría, as pistas de Campolongo e a praza da Curtidoira. Nesta última terá lugar o acto inaugural do evento, coa representación ás 20.30 horas de mañá da obra de teatro Puedes llorar los viernes, do grupo de teatro 105 besos. Pola súa banda, a clausura está programada para as 22 horas do domingo 1 de agosto nas pistas de Campolongo  coa peza de Chévere As fillas bravas.

Desde a organización de Con voz de muller queren destacar, ademais, que todo o certame terá lugar baixo estritas medidas de seguridade, que inclúen a obrigatoriedade de permanecer sentado ou o control e desinfección dos espazos.

comentarios