Feira Franca

Pontevedra revive orgullosa o S.XV nunha festa “que sempre vai a máis”

Miles de persoas gozan dun evento singular na Galiza e que o alcalde Fernández Lores considera “un sinal de identidade de Pontevedra”.

Feira Franca

Pontevedra mergúllase por un día no século XV. Faino con orgullo e alegría, disposta a gozar dunha xornada única nun marco incomparábel e consciente de que poucas festas hai no país que poidan presumir dunha implicación tan activa da xente e de rigor histórico como a Feira Franca. “É un orgullo para toda Galiza”, dixo o alcalde, Fernández Lores, que sinala que esta festa “sempre vai a máis” e é un “sinal de identidade” da cidade.

Son 20 anos xa de Feira Franca. Nesta edición trouxo novidades como a participación de embarcacións tradicionais no río Lérez da man Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Para a vindeira edición cóntase coa recuperación da ponte do Burgo , o que ppermitirá a recreación do peirao medieval canda o proxecto de posta en valor dos restos arqueolóxicos medievais.

Na Feira Franca de Pontevedra a historia colle corpo e milleiros de persoas reviven aquel ano de 1467 en que o rei Henrique IV de Castela outorgou á cidade o privilexio de instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración 15 días antes e 15 días despois de San Bartolomeu, 24 de agosto.

A Feira Franca ten o núcleo na Ferraría, onde se lembran oficios tradicionais, pero esténdese por todo o casco vello. Na praza de Santa María instálanse os artesáns, nesta ocasión 37. E na Alameda e a praza de Curros Enríquez, os espazos dedicados á alimentación, 33 desta volta. Nesta fin de semana haberá 400 mesas de xantar, 250 de particulares e 150 de hostalaría. As visitantes, segundo datos da organización, excederán as 100.000 persoas.
 
“A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes”, indican os impulsores, a Concellaría de Festas, “unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade, unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palillleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros”

Comentarios