Pontevedra reinicia a aposta na cultura escénica

O evento Ponteatro, que comeza o día 14 de outubro no Teatro Principal, conta xa con cinco citas confirmadas. O ciclo, que reforza a aposta na cultura escénica do Concello de Pontevedra e tamén o aprecio da cidadanía por este tipo de arte, xa tivo moito éxito antes do verán.
Un instante da montaxe de 'A lúa vai encuberta'. (Foto: Lucía Regueiro) #ponteatro #teatro #alúavaiencuberta #manuelmaría
photo_camera Un instante da montaxe de 'A lúa vai encuberta'. (Foto: Lucía Regueiro)

O interese das e dos pontevedreses pola cultura e, en especial, polas artes escénicas vén de implicar a inminente reactivación do ciclo Ponteatro, que xa a principios de ano congregaba o gran público para descubrir o teatro que se está a facer na Galiza baixo o paraugas dun lugar como o Principal. Neste reinicio dunha actividade con tanto éxito serán as compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante as que rompan o xeo subindo ás táboas A lúa vai encuberta, unha adaptación da obra de Manuel María que foi estreada hai tan só unhas semanas no Teatro Principal de Ourense. 

A peza, que se interpretará o día 14 de outubro e cuxas entradas están á venda, resultara gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, polo que contou co apoio do Centro Dramático Galego e da Casa Museo Manuel María.

Baixo a dirección de Tito Asorey e co traballo de dramaturxia de Vanesa Sotelo, o público poderá gozar dunha achega “teatral multidisciplinar a partir da que a equipa dialoga desde a nosa actualidade máis recente coa historia contemporánea da Galiza”, segundo a definen as propias compañías. 

Mais o interese do Concello de Pontevedra non se limita a un único espectáculo, senón que xa conta con cinco dentro da programación do Ponteatro.

Por exemplo, o Principal acollerá o día 28 deste mes a peza A estrela do día, unha proposta de Producións Teatrais Excéntricas. Neste caso, o humor mestúrase co misterio e símbolos dos códices antigos.

En novembro será a quenda doutras tres postas en escena, pois en decembro e xaneiro volverá haber un paro na actividade pola axenda especial de Nadal. En concreto, o día 4 o Teatro Principal pontevedrés descubrirá o que é a Conexión Pingüín con Luis Iglesia e Marcos Orsi, de Culturactiva, achegando “unha reflexión cómica, en dous tempos, a dúas voces, sobre a incomunicación na era da comunicación”.

Pola súa banda, pero nesta ocasión puntual co Auditorio do Pazo da Cultura da cidade como escenario, o 20 de novembro o Centro Dramático Galego fará a descuberta de O charco de Ulises. Trátase, como define a agrupación, “dunha versión libre da Odisea traspasada a un contexto atlántico”.

Comando Comadres, produción de Matrioshka Teatro Pontevedra, fechará esta programación cultural de artes escénicas do ciclo o 25 de novembro. Dunha forma humorística aborda a “violencia patriarcal” que se detecta en diferentes manifestacións da vida cotiá. 

Comentarios