Pontevedra prepárase para a festa do décimo aniversario de "Cantos na Maré"

Os ensaios xa comezaron no Pazo da Cultura de Pontevedra. Baixo a dirección artística de Uxía e musical de Paulo Borges, Rui Veloso, Chico César, Sés e Cheny Wa Gune preparan, cunha banda internacional, a grande festa da lusofonía que este ano chega ao seu décimo aniversario. Cantos na Maré comezarán a soar o sábado ás 21 horas.

Será a décima edición da cita anual da música da lusofonía que, desta volta, ten un aquel de conmemoración ao se facer a primeira década de existencia. Para o festexo, Chico César regresa do Brasil despois de ter sido o primeiro director artístico do encontro que nacía hai dez anos ideado por Uxía, o grande elo da música galega, brasileira, portuguesa e africana unida pola pertenza á lusofonía. De novo algúns dos máis relevantes artistas dos tres continentes volven xuntarse en Pontevedra nunha festa única á que están convidados Rui Veloso de Portugal, Chico César do Brasil, Cheny Wa Gune de Mozambique e Sés da Galiza. Canda eles, unha banda formada por Paulo Borges (Açores), Berg (Portugal), José Manuel Díaz (Cuba), Quiné (Portugal) e Sérgio Tannus (Brasil) aseguran a calidade musical do encontro.

Cancións que son xa himnos como “Porto sentido de Rui Veloso, “Mamá África” de Chico César, “Jindji Jindji” de cheny Wa Gune ou “Tempestades de Sal” de Sés deixaranse ouvir en Pontevedra, entoadas sen dúbida por un auditorio que sempre responde á chamada dos “Cantos na Maré”.

Son días estes sen parada para a anfitrioa do festival, unha Uxía que convoca a parcería dos participantes que se atoparán non só no escenario de Pontevedra senón no convívio de todos estes días. “Queremos que sexa unha edición especial, con ar de retrospectiva, e iso explica a presenza de Chico César que estivo na primeira edición e tamén a singular intervención de Rui Veloso, que nunca tocou na Galiza” afirma ao pé do músico brasileiro Chico César que louva o encontro musical galego. “Celebramos estar vivos, cun público fiel que consolidou a cita anual cos Cantos na Maré. Cada ano tentamos sorprender e até agora ten sido así. Vivimos o festival moi intensamente, tamén como encontro persoal, de necesidade de troca. En Cantos non caben divismos e é, en certa medida, un modelo atípico de festival” comenta Uxía para quen a música é o instrumento máis útil para ese encontro.

“Son voces que regresan ao porto do que un día partiron” menta Uxía, parafraseando unha expresión coa que Carlos Santiago definira o festival. “Son días de moito traballo mais tamén os máis fermosos e gratificantes do ano porque estamos facendo posíbel un soño utópico” di Uxía rodeada de músicos camiño de Pontevedra.

Comentarios