Pontevedra prepara para xuño espectáculos con pouco público

O Concello de Pontevedra mantivo unha reunión co sector cultural da cidade e anuncia que haberá que "reinventar" o actual sistema. 
Reunión co sector cultural en Pontevedra (Nós Diario)
photo_camera Reunión co sector cultural en Pontevedra (Nós Diario)

O Concello de Pontevedra retomará os espectáculos culturais con pouco público en xuño. Un deles será o Cineclube, que manterá un número presencial de espectadoras e espectadores reducido. A mesma medida rexirá tamén no Teatro Principal que contará cun máximo de 60 persoas e o auditorio do Pazo da Cultura, con 90. O alcalde dese municipio, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou tras unha reunión con distintos representantes do ámbito creativo da cidade, que a partir de agora os espazos de rúa serán "fundamentais" na recuperación da cultura.

Reinventar a actividade cultural da cidade

Nese encontro participou tamén a concelleira de Cultura, Carmen  Fouces, que informou que o sector baralla fórmulas como "duplicar ou triplicar as sesións dos eventos" e que a administración local se implique no proceso de creación e que colabore "no acompañamento e non tanto na exhibición" dun produto final.

A edil de Cultura sinalou que a partir deste primeiro encontro co sector o concello tratará de ter un "enfoque cultural diferente ao que se fai noutras cidades", para o que deberá "adaptarse" e manter reunións periódicas para "traballar en rede con todo o sector" co propósito de "manter o máximo número de actividades". Neste sentido, asegurou que será necesario "ver que liñas se poden poñer en marcha e adaptarnos á lexislación".

Como resumo, Fernández Lores sinalou que se abordou a necesidade de "reinventar toda a actividade cultural nos espazos públicos e fechados", e "apostar pola cultura propia", para valorar a "gran potencia creativa" que ten Pontevedra e Galiza. "Non será sinxelo, pero temos unha vantaxe que é o espazo público da cidade de Pontevedra", concluíu.

Comentarios