Pontevedra prepara '365 días en galego' e de homenaxe á poeta Xela Arias

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe a súa programación para conmemorar as Letras Galegas 2021, unha serie de eventos reunidos baixo o lema “365 días en galego” e que inclúe actividades dirixidas principal á xente nova e que se desenvolverán durante todo o ano.
xela_arias_xuliogil
photo_camera Xela Arias, poeta homenaxeada coas Letras Galegas 2021.(Foto: Xulio Gil)

A Deputación de Pontevedra presentou esta sexta feira a súa programación para conmemorar as Letras Galegas 2021, unha serie de eventos reunidos baixo o lema “365 días en galego” e que inclúe actividades dirixidas principal á xente nova e que se desenvolverán durante todo o ano.

A presidente da Deputación, Carmela Silva, a deputada de Lingua, María Ortega, e a de Cultura, Victoria Alonso, foron as encargadas de presentar a iniciativa, acompañadas pola poeta Tamara Andrés, e o fotógrafo Xulio Gil.

“365 días en galego” ten por obxectivo “reivindicar a lingua como identidade e espertar a responsabilidade cidadá para que non deixe de falar en galego, así como das institucións para que asuman o deber de fomentalo”, comentaron. 

A programación bota a andar os días 13 e 14 de maio, co espectáculo multidisciplinar X Xela, onde todo xirará arredor da autora mesturando a música da Banda da Loba, a poesía da propia Xela Arias e a fotografía, coas imaxes de Xulio Gil. O evento terá lugar en Vigo e Pontevedra ás 19.30 horas. En canto ao recital, Tamara Andrés informou de que se contará coas tamén poetas Helena Salgueiro, Estíbaliz Espinosa, Nuria Vile  e Vanesa Glemsel, escritoras que comparten con Arias “a forza e a linguaxe poética”.

En colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), “365 días en galego” inclúe 20 obradoiros que decorrerán en diferentes centros de ensino. A xornalista Lara Dopazo vaise encargar do alumnado de 3º e 4º da ESO e para 4º, 5º e 6º de Primaria, o escritor Xesús Castro desenvolverá o taller “Xelapalabra”, co formato dun concurso. Por último, levarase ao Castelo de Soutomaior o concerto “Vencerse é cousa de se tratar” para vincular as autoras Xela Arias e María Vinyals.

Exposicións e libros

“Lebres como gacelas” é a mostra fotográfica de Eva Díaz e Fran Herbello, combinada con poemas de autoras como Olga Novo, Alba Cid, Lara Dopazo, Lorena Conde, Antía Otero, Tamara Andrés e Miriam Ferradáns.

Outra exposición será  a nomeada “Xela Arias, a poesía do retrato", en colaboración co Concello de Vigo, que reunirá poemas da autora e retratos feitos por Xulio Gil nos 80 e 90.

A Deputación tamén colabora coas editoras no lanzamento de Darío a diario, Poesía reunida e Intempériome, e nos libros realizados sobre a poeta, Xela Arias. Poeta e tradutora, de Anxo Raxó e Xela quixo ser ela de Yolanda Castaño.

Comentarios