Pontevedra mira ao ceo do medievo na XV edición da Feira Franca

Magos, frades, meigas, profetas e adiviñadores ocupan desde esta sexta feira a cidade de Pontevedra que regresa ao medievo na XV edición da súa Feira Franca. A astronomía é o tema da multitudinaria explosión de medievalismo festeiro. 

Feira Franca
photo_camera Feira Franca

“Magos, estudosos, ilusionistas, prestidixitadores do oculto, xente das estrelas... vinde... hai un reflexo dourado no Lérez... será a primeira lúa de setembro. Vinde, hai Feira Franca”. Desta maneira convidan en Pontevedra a visitar o burgo convertido en vila medieval, a partillar coa súa cidadanía as vestimentas daquel tempo, xantares e ceas, os oficios tradicionais e toda a maxia e o misterio que se atopa estes días en prazas e rúas da cidade.

Serán pregoeiros a cabalo, como todos os anos, os que por volta das 19:00 horas desta sexta feira 5 de setembro dean a benvida e marquen o inicio da grande festa medieval na que se implicou boa parte da cidadanía e que cada ano recibe a milleiros de persoas para partillar nos grandes festexos. A tal altura, quince anos despois do primeiro pregón, non queda case casa en Pontevedra que non garde no roupeiro atuendos do medievo, de nobres, de taberneiras, dos distintos oficios ou de personaxes singulares dun tempo que é fácil identificar nesta fin de semana na beira histórica do Lérez. 

Bailes medievais coa Asociación de Coros e Danzas Duos Pontes e o espectáculo “Un ceo para mil culturas” na Ferraría iniciarán o programa antes de que a música e bailes medievais convoquen ao festexo na praza do Teucro. Mais non quedará rúa en Pontevedra que se libre de cambiar de século. Calquera persoa que estes días se achegue á cidade pensará, de non estar informada, que xunto ao cambio xeográfico experimentou un cambio temporal xa que a boa vila enteira se volca na transformación lúdica, na reconstrución histórica e tenta borrar pegadas que enturbien o regreso aos tempos de mercaderes, campesiñas, magos, ferreiros ou fiandeiras. 

Mais o día grande e longo é o sábado, cando ás 11.30 se abra o mercado medieval e a mostra de oficios na Ferraría. Desde entón, non ha faltar que facer na cidade. Asistir ao transporte do viño, gozar das cantigas de Afonso X e da música medieval, partillar do tiro ao arco, observar con sorpresa sesións de tiro ao arco ou cetraría, ser integrante do obradoiro de esgrima ou marabillarse co inmenso torneo medieval. Bufóns e trovadores camiñarán e os cantares de cego serán a banda sonora dunha cidade na que, en especial nas grandes prazas, nun espazo cada vez máis amplo, grandes mesas convidarán á conversa e ao bo xantar con asados á maneira medieval e un convivio que se repite ano tras ano. 

 

Comentarios