domingo 27/09/20
Os festivais de cinema deciden unirse para gañar máis forza

Pontevedra lanza a marca 'Rías Baixas Film Fest'

As e os representantes de nove festivais de cinema do sur da Galiza e a Deputación presentaron a marca "Rías Baixas Film Fest' coa que se promocionarán conxuntamente. O obxectivo é ser "máis fortes" e conseguir traspasar "fronteiras" para convertirse nunha referencia turística en Pontevedra.
Presentación da marca 'Rías Baixas Film Fest' (Foto: Nós Diario)
Presentación da marca 'Rías Baixas Film Fest' (Foto: Nós Diario)

Os nove festivais de cine máis importantes de Pontevedra e a Deputación provincial presentaron onte en sociedade a marca 'Rías Baixas Film Fest', unha firma colectiva coa que aportar maior calidade ás citas audiovisuais. Todas as organizacións promotoras aclaran que esta unión servirá para "relanzar e fortalecer" cada evento.  

“Hai poucas provincias no conxunto do Estado que teñan tantos festivais audiovisuais e de tanta calidade como a de Pontevedra”, destacou a presidenta provincial, Carmela Silva. Partindo desa premisa, a sede da Deputación en Vigo acolleu a representantes dos festivais de Cans (O Porriño); Primavera de Cine (Vigo); FIC Bueu (Bueu);  Play-Doc (Tui); Festival de Cine Inclusivo de Vigo  (Vigo); Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía); Galicia Freaky Films (Vigo); Novos Cinemas (Pontevedra) e Curtas Armadiñas (Poio). 

De feito, foron estes mesmos os que lle propuxeron á entidade provincial crear unha marca conxunta que representara a todas e todos. "Hoxe comeza  a andaina dun proxecto, moi potente, que fostes capaces de construír entre todas e todos vós", subliñou Silva. O único importante non é a unidade senón o feito de que coa cooperación baixo o título 'Rías Baixas Film Fest' vaise poder publicitar todo ao tempo e impulsar as iniciativas "como un sector estratéxico" para Pontevedra. 
“Son festivais con compromiso, que están ao lado da sostibilidade, da igualdade, da cultura galega e do respecto á nosa lingua”, engadiu.

Maior forza
As organizacións das distintas propostas audiovisuais do sur da Galiza coincidiron en que a marca de referencia podería servir para abrir fronteiras e chegar a máis sitios e a máis xente, malia que este ano as edicións vaian ser diferentes. 

En nome de todas e todos os representantes dos festivais falou o director do Play Doc de Tui, Ángel Sánchez, que destacou que houbo un "diálogo fluído" en todo momento para traballar a prol do obxectivo común. Na súa opinión "unir esforzos" fai as citas "máis fortes". Sánchez reiterou o peso que ten entregarse como colectivo "para incrementar a visibilidade, dignificar a cultura, profesionalizar o sector e ser máis fortes no relato cultural".

comentarios