Pontevedra homenaxea a Ricardo Portela, o "mestre de mestres"

A cidade recorda ao músico, tamén coñecido como 'O gaiteiro de Viascón', como o artista que ennobreceu a gaita. O rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén destacou o seu legado artístico que chega até a actualidade.
ACTO HOMENAXE R PORTELA
photo_camera Acto de homenaxe ao gaiteiro Ricardo Portela en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Pontevedra realizou onte unha homenaxe ao músico Ricardo Portela, con motivo do centenario do seu nacemento. Nun acto ao que acudiron representantes públicos e cidadanía en xeral, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores quixo destacar que "non pode haber mellor indicador de inmortalidade que o de ser mestre de mestres".

Con estas sentidas palabras, o rexedor falou do legado que deixou Portela, tamén coñecido coma 'O gaiteiro de Viascón', en distintas xeracións de gaiteiras e gaiteiros que aínda chegan até a actualidade. 

Así ligou a ese mestre coa traxectoria de músicas galegas de prestixio internacional como poden ser Cristina Pato, Susana Seivane, Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño, Anxo Lorenzo ou Óscar Ibáñez.

Fernández Lores subliñou que ao ilustre veciño lle deben "unha vida na procura da excelencia". Concretou esta afirmación falando do seu "estudo, perfeccionamento e dignificación da gaita galega e dunha forma de tocar diferenciada e propia do noso país, o toque fechado". 

Para o rexedor, o homenaxeado tamén "actuou como transmisor da tradición musical até conseguir ennobrecela". "Grazas ao seu incansable e apaixonado esforzo contribuíu a que a gaita pasase de ser considerado un instrumento popular e humilde a materia de estudo", louvou.

O acto, que decorreu diante da casa na que vivira, contou coa presenza do neto do gaiteiro, Gonzalo Lorenzo Portela; o membro fundador do Colectivo Paseniño e do grupo Treixadura, Xoán López; e o presidente da Asociación Cultural Marmurios de Leucoíña e iniciador do Memorial Ricardo Portela, Eduardo Esteban.

O gaiteiro Óscar Ibáñez interpretou Aires de Pontevedra en toque fechado, como un claro recordo.

Comentarios