Pontevedra estrea un documentario sobre Alexandre Bóveda

O documentario biográfico arredor da figura de Alexandre Bóveda, "A Fazaña da Liberdade", dirixido por Seném, estréase en Pontevedra o día 4 de xuño. 

Alexandre Bóveda
photo_camera Alexandre Bóveda

O Teatro Principal de Pontevedra, a cidade na que viviu e ao pé da que o asasinaron no monte da Caeira, acollerá o vindeiro 4 de xuño ás 20:00 a estrea do documentario “A Fazaña da Liberdade” no que se recrea a biografía de Alexandre Bóveda a través de testemuñas, especialistas e familiares e visitando os espazos relacionados coa traxectoria dunha das figuras máis destacadas da nosa historia. 

A estrea convertirase nunha conmemoración do 110 aniversario do nacemento de Alexandre Bóveda, e, canda o documentario haberá unha intervención da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, da que Bóveda formou parte. 

Producido por Filmika Galaika en colaboración coa Fundación Alexandre Bóveda e dirixida por Seném Outeiro, o documentario contou coa participación dos concellos de Pontevedra, Ourense e Poio máis a Deputación de Lugo. 

Testemuñas, especialistas, familiares

“Se hoxe podemos ter un marco autonómico e unha folla de ruta donde nos poder desenvolver coma povo, é en grande medida pola obra de Alexandre Bóveda” afirma o director do filme que quixo contribuír á 

difusión da grande figura do nacionalista. Contou para iso coas testemuñas de Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo ou Fernando Quintela Novoa, entre outros máis estudosos e coñecedores da súa traxectoria como  Xosé Manuel Beiras, Xabier Vence, Xosé Lois Bóveda, Francisco Rodríguez, Justo Beramendi ou Francisco Carballo.

A través dun blog, o equipo de produción fai partícipe do proceso de elaboración do documentario e introduce materiais para dar a coñecer o proxecto de investigación previo á montaxe de “A Fazaña da Liberdade”.  Por medio dunha entrevista, o director Seném Outeiro confesa a súa admiración por Bóveda, de quen se comezou a interesar a partir da participación no acto anual do Día de Galiza Mártir en Pontevedra. Naceu así, segundo di, un proxecto que responde a “umha teimosia pessoal de luita contra a amnésia coleitiva que sufre o povo galego que consciente ou inconscientemente é fomentado pelas instituçons que deveriam promocionar o legado que nos deixou Alexandre Bóveda”. 

Comentarios