Pontevedra conmemora o 170 aniversario de José Martí e reivindica a solidariedade con Cuba

O acto foi conducido por Luisa Cuevas Raposo, en nome da asociación, quen reivindicou, non só o carácter conmemorativo da actividade, senón tamén a solidariedade con Cuba e o seu dereito a desenvolver un proxecto político, social e económico propio.
Acto en lembranza da figura de José Martí esta sábado en Pontevedra (Foto: Asociación de Amizade Galego-Cubana 'Francisco Villamil').
photo_camera Acto en lembranza da figura de José Martí este sábado en Pontevedra (Foto: Asociación de Amizade Galego-Cubana 'Francisco Villamil').

Co apoio do Concello de Pontevedra e do Consulado de Cuba en Santiago de Compostela, a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil convocou un acto de conmemoración e lembranza da figura de José Martí en Pontevedra.

O acto foi conducido por Luisa Cuevas Raposo, en nome da asociación, quen reivindicou, non só o carácter conmemorativo da actividade, senón tamén a solidariedade con Cuba e o seu dereito a desenvolver un proxecto político, social e económico propio, o que “está a ser impedido polo tremendo bloqueo norteamericano”, polo que apuntou que a solidariedade “segue sendo máis necesaria que nunca”.

Cuevas aproveitou para denunciar, ademais, o “bloqueo informativo” e aproveitou para facer un chamamento para visitar e difundir as páxinas terrasenamos.org e cubainformación.tv.

Por último, fixo un chamamento a asociarse como forma de apoio ao movemento solidario con Cuba na Galiza.

As intervenións

En primeiro lugar, no acto da cidade do Lérez interviu Anabel Gulías Torreiro en nome do concello pontevedrés, quen manifestou o seu compromiso coa causa cubana e o desexo de que algún día os pobos cubano e galego poidan vivir libres de inxerencias.

Despois, Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta, e sempre solidario con Cuba, leu os Versos sencillos de José Martí.

A continuación, Erea del Río Iglesias, Presidenta da Asociación, interviu explicando a difícil situación cubana en 2022 con varias catástrofes tras a pandemia e como durante a mesma os EUA implementaron novas medidas para endurecer aínda máis o bloqueo.

Charo Lopes, poeta, xornalista, activista do feminismo e o independentismo leu unha carta de Martí na cal fala da necesidade da educación, sobre todo das nenas, para formar persoas libres.

Por último, interviu Annabel Lafargue Wilmoth, recentemente nomeada cónsul cubana en Compostela, quen glosou a figura de José Martí.

Para rematar, realizouse unha ofrenda floral e fechouse o acto cos himnos nacionais de Cuba e de Galiza, interpretados polos Gaiteiros das Rías Baixas.

Comentarios