Pontevedra, capital galega no Día do Libro Infantil e Xuvenil

Neste 2 de abril en que en todo o mundo se conmemora o Día do Libro Infantil e Xuvenil achegámonos a Pontevedra, a capital galega da xornada. Alí se desenvolve o Salón do Libro Infantil e Xuvenil que acolleu nas dúas primeiras semanas máis de 21.000 asistentes e cidade é o berce das dúas editoriais que revolucionaron o mundo do álbum ilustrado e a animación. 

Salón do Libro
photo_camera Salón do Libro

Cunha xornada especial na que a programación se desenvolverá tamén en centros de saúde e hospitais e na que se realizará un encontro entre dous dos nomes máis relevantes da literatura infantil e xuvenil, Fina Casalderrey e Xabier P. Docampo nunha mesa coordinada polo tamén escritor e presidente de Galix (Asociación Galega de LIX) Francisco Castro, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil conmemora de maneira especial o día no que en todo o mundo se celebra desde 1967 o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. A actividades está organizada polo Salón en colaboración con Galix. 

Será un programa especial dunha edición na que o Salón cumpre 15 anos, convertido en principal encontro da literatura infantil e xuvenil do país e referente tamén máis alá das nosas fronteiras. Desde o 14 de marzo até o 5 de abril, un programa que inclúe exposición e presentacións de libros, obradoiros, contacontos, música ou teatro desenvólvese nun Pazo da Cultura que funciona tamén como obsrevatorio do estado do sector na Galiza. 

Tanto Fina Casalderrey  como Xabier P.Docampo foron recoñecidos con homenaxes nalgunha das edicións anteriores do Salón do Libro e son dous dos nomes da colectiva deste ano no que tamén se inclúen os de Neira Vilas, Bernardino Graña, Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín, Gloria Sánchez e Marilar Aleixandre, ademais de Vitoria Moreno e Anisia Miranda, a título póstumo, que dán medida da altura do panorama da literatura infantil e xuvenil que se escribe en galego. O artista Kiko da Silva debuxou a tod@s estes escritores e escritoras nun café compartido nas paredes do Salón no que a literatura infantil e xuvenil está presente en toda parte. 

No cómputo realizado nas dúas primeiras semanas, máis de 21.000 crianzas e adultos participaron na programación, tanto no Pazo da Cultura como na Galería Sargadelos, onde se instalou a exposición da Asociación de Profesionais da Ilustración de Madrid. As actividades estanse a desenvolver, un ano máis, pola cidade enteira, cunha especial atención ás librarías mais tamén con presenza en centros hosteleiros e cunha forte implicación de entidades culturais da cidade, desde agrupacións culturais a asociacións. Durante todos estes días, máis de dúas semanas, distintos artistas da cidade adubiaron os escaparates de Pontevedra coas intervencións da exposición “Arcimboldos, roteiros saborosos”, que serviron de promoción do propio Salón e conseguiron a complicidade tanto de creadores consagrados da cidade como dos propios establecementos comerciais para a promoción do libro galego. 

Cos centros de ensino

Da implicación dos centros de ensino no Salón da conta os máis de 2.500 escolares de primaria participaron nas seis xornadas de mañá e 1.5000 de educación infantil estaban convocados para asistiren á estrea do espectáculo “Martes” de Boabab Teatro. Os obradoiros de tarde, entre eles un impartido polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, “Comendo Cores” ou por OQO, “coa comida si se xoga” ou “Do cadro ao prato”, conseguiron tamén que as praza se esgotaran nunha edición na que a cociña está a ser a protagonista. 

Un total de 134 actividades arredor do libro infantil e xuvenil da que a Concelleira de Cultura, Anxos Ribeiro destaca “a participación tamén de asociacións e grupos culturais de Pontevedra”, en iniciativas como a da asociación da Rúa Real que engalanou os balcóns con viñetas que van desde Garfield até a sopa de Mafalda, ou a creación de espectáculos pensados no Salón da Orquestra, o Conservatorio oíu o Seminario Permanente de Jazz. 

“Mesmo en tempo de recortes e sen máis axudas decidimos coller forza e conmemorar este XV aniversario festexando unha iniciativa que se prolonga con éxito no tempo e é xa un referente en todo o país”, sinala Anxos Ribeiro dun programa que se deixa sentir na cidade enteira. 

“A lume lento, como todo o saboroso. Como as receitas das nosos/as avós/oas, cargadas de historias, de grandes xuntanzas en torno a unha mesa, de tradición. De ingredientes de primeira calidade, sementados con traballo e recollidos con esforzo, cociñados con agarimo”, presentouse como a fórmula que explica o éxito do Salón que nesta edición leva por título "Cociñando contos". 

No programa do Salón recolléronse estreas como “A casiña de chocolate” da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, o libro disco de Magín Blanco: “Gatuxo”, o “Cocido sinfónico” de Os tres tenedores e multitude de espectáculos e actividades como “Zampón e Lambón” de Fantoches Baj, “Pan de millo” de Migallas, “Contacontos. Comendo contos” de Andrea Bayer de Boabab teatro, “Obradoiro de comer, de cantar e de contar” con Antón Castro, “Contos que alimentan” de  Raquel Queizás ou a propia intervención do cociñaeiro Pepe Solla “Que se cocen nos pucheiros?” .

Dúas editoriais de referencia 

Arredor do Lérez naceron tamén dúas editoriais que se ían converter en referencia internacional do álbum infantil. Kalandraka, que recibiu o “Premio Nacional ao mellor Labor Editorial Cultural” de 2012 concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, conmemora nesta data o 16 aniversario do seu nacemento, xa que se constituiu o mesmo día no que facía anos Andersen. Para a conmemoración, a editorial pontevedresa apostou por unha nova edición en todas as linguas peninsulares de “Onde viven os monstros” de Maruce Sendak, autor ao que lle dedica o seu ano editorial, despois da publicación de “Na cociña de noite”. “Nun momento de cambio tecnolóxico, de contracción do mercado e contención do consumo, a editorial actúa a prol de conservar e aumentar o número de lectores, ao tempo que reivindica unha maior visibilidade da LIX”, sinalan no día do seu aniversario. Unha das súas últimas novidades foi a apertura dunha libraría en Madrid. 

Pola súa banda, Oqo defínese como “un espazo de creación onde habitan suxestións innovadoras que invitan a soñar, a reflexionar e a degustar imaxes, músicas, voces e palabras”. Cunha división para a creación audiovisual arredor dos contos, a editorial de Pontevedra participa en encontros internacionais do sector e lidera o programa “Cociña de contos. Europa a carta”, seleccionado polo Programa Cultura da UE 2007-2013.

Comentarios