Pontedeume rende unha "merecida" homenaxe ao escritor Ramiro Fonte

O acto pretende vindicar os méritos literarios do autor eumés
Retrato acróstico de Ramiro Fonte realizado por Pepe Barro. (Foto: Pepe Barro)
photo_camera Retrato acróstico de Ramiro Fonte realizado por Pepe Barro. (Foto: Pepe Barro)

O Concello de Pontedeume e o Ateneo Eumés Fernán Martís invitan á veciñanza á “merecida” homenaxe ao poeta eumés Ramiro Fonte. O acto terá lugar o vindeiro sábado 31 de xullo na praza do Convento dos Agostiños, de 13 a 14 horas.

No acto participarán Manuel Bragado, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán Vello, Antonio Fraga, Margarita Ledo, Emma Pedreira, Xulio Valcárcel e Eva Veiga. Ademais, o evento contará coa presenza do quinteto de vento Charamela. 

Obra multiforme

Ramiro Fonte (1957-2008), marcado por unha monumental vocación literaria, foi poeta, narrador, ensaísta, crítico e estudoso da literatura galega. Pasou a súa infancia e adolescencia en Pontedeume e Ferrol. Ao chegar a universidade, en Compostela, entrou en contacto con outros poetas da súa xeración (Xesús Rábade Paredes, Xavier Rodríguez Barrio, Helena Villar Janeiro, Fiz Vergara Vilariño, Xavier Rodríguez Barrio, Xulio López Valcárcel) cos que fundou, entre 1976 e 1977, o grupo poético Cravo Fondo. Na altura, o colectivo pretendía renovar a “pobreza formal” dunha poesía social que consideraban unha mala imitación da obra de Celso Emilio Ferreiro. En 1981 participou na fundación da revista poética Dorna, na que publicou a xeración de 1980. 

O seu primeiro poemario foi As cidades da nada, publicado en 1983. Seguiron numerosos volumes de poesía, entre outros, Designium (1984), Pasa un segredo (1988), Luz de mediodía (1995), O cazador de libros (1997), Capitán Inverno (1999) ou Reversos (2008). 

No campo da narrativa iniciouse con Catro novelas sentimentais (1988) á que lle seguiron unha serie de relatos de xénero negro e, de 2003 a 2007 publicou a triloxía formada por Os meus ollos, Os ollos da ponte e As pontes no ceo, baseada nas súas vivencias no Pontedeume da súa infancia.

Como ensaísta, publicou Fermín Bouza Brey e a súa obra literaria (1992) e As bandeiras do corsario (1996) sobre a poesía galega do século XX, ademais de numerosas artigos de crítica literaria.

Fonte foi membro correspondente da Real Academia Galega e gañou numerosos premios, entre outros, o Premio da Crítica, o Esquío, o Losada Diéguez ou o Pedrón de Ouro.

Nos seus últimos anos, Ramiro Fonte foi director do Instituto Cervantes de Lisboa, onde, ademais, se dedicaba con fruición a unha das súas grandes paixóns, a bibliofilia. 

Os méritos para que se lle dedique un Día das Letras Galegas, aflorarán, sen dúbida, no acto deste sábado.
 

Comentarios