A poesía adónase de Pontevedra esta fin de semana

dolors miquel
photo_camera Dolors Miquel, unha das poetas que participa na VIII Ponte Poética [Foto: Vilaweb]

Medea. Salvaxe?

O Barco de Valdeorras

Teatro Municipal Lauro Olmo

Sexta feira

21.00h

Palimoco Teatro presenta a adaptación de Crhista Wolf, a historia dunha sacerdotisa grega que tras sentirse traizoada polo seu marido, e polo seu pobo, mata os seus fillos por vinganza.

 

Descubre unha orquestra para ti, a túa!

Compostela

Auditorio de Galiza

Sábado

12.00h

Coro de Mulleres e Real Filharmonía de Galiza, baixo a dirección de Paul Daniel. Concerto solidario con Down Compostela.

 

Celebración da Festa do Banquete de Conxo

Conxo

CSC de Conxo

Sábado e domingo

Mercado do Libro e da Artesanía, visita guiada ao bosque do Banquete, con Henrique Alvarellos, encontros, concertos, recreacións teatrais, xantar e romaría popular.

 

VIII Ponte Poética

Pontevedra

Diversos espazos

Sexta feira, sábado e domingo

A cidade do Lérez convértese, entre os días 20, 21 e 22 de abril, na capital internacional da poesía, coa presenza da portuguesa Filipa Leal, a catalá Dolors Miquel, a vasca de Iparralde Itxaro Borda, a francesa Aurelia Lassaque, o irlandés Keith Payne, as galegas e galegos Míriam Ferradáns, Elías Portela, Manuel Rivas e María Xosé Queizán e o poeta en lingua castelá Juan Carlos Mestre. Un programa que condensa encontros, recitais, videopoesías, espectáculos e obradoiros poéticos.

 

As maimiñas. Volta, revolta e reviravolta

Ribadeo

Auditorio Municipal Hernán Naval

Domingo

17.30h

Música infantil con As Maimiñas, Lucía Lago Fernández e Irene Álvarez Lago, ou o que é o mesmo, Mai e Miña.

 

Xornadas da Memoria. Rexas, mulleres baixo o terror franquista

Bueu

Praza de Abastos

Até o 30 de abril

A Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu, xunto ao Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra botan a andar unhas xornadas da memoria con motivo do cabodano do asasinato de Johán Carballeira, alcalde de Bueu antes do golpe do ‘36, poeta e xornalista. O programa inclúe a exposición Rexas. Mulleres baixo o terror franquista, comisariada por Montse Fajardo, na que se recollen case 80 fotografías que resgatan as historias de 172 mulleres pontevedresas represaliadas.

 

Voantes

Carballo

Pazo da Cultura

Até o 6 de maio

"Voantes" é o novo traballo de Laura Tova, ilustradora carballesa que se introduce na cerámica, un novo mundo de soportes e texturas.

 

Comentarios