Ponte nas Ondas presenta a súa experiencia no Brasil

Ponte...nas ondas! presentará a sua experiencia no XIX Congreso Mundial de Educadores e Educadoras que vai desenvolverse do 11 ao 13 de abril na Universidade Estadual de Campinas do Brasil, no que participan entre 600 e 800 educadores de todo o mundo. 

Addis-Abeba-pontenasondas
photo_camera Ponte nas Ondas en Addis Abeba

Santiago Veloso, coordinador da asociación en Galiza e Portugal, intervirá na Mesa dos Povos da Lusofonia xunto con outros proxectos de diferentes países. Ademais, no congreso vanse expoñer os materiais editados pola asociación ao longo das dúas décadas de actividades: o disco 'Meninos Cantores', o livro-disco 'Cores do Atlántico' (publicado tamén no Brasil pola editora Latus da Universidade Estadual de Paraiba) e o libro-cd-dvd 'Na ponte'. Estas publicacións  chamaron a atención  da organización  do Congreso que recoñeceu nas actividades desenvolvidas por Ponte...nas ondas! unha excelente práctica pedagóxica intercultural merecente de ser divulgada aos educadores de todo o mundo. 

O tema escollido para a reflexión e o debate é o contexto social no que se desenvolven as prácticas educativas, cunha abordaxe directa ao papel dos educadores sociais, reflexionando sobre os campos de investigacións e as prácticas enfocadas para a construción dunha sociedade mais xusta e igualitaria. Nun contexto no que mundialmente somos conducidos para unha reflexión crítica que busca profundizar sobre os fundamentos éticos, teóricos e metodolóxicos dunha actividade que precisa redefinirse, en función da transición que atravesa a contemporaneidade, o Congreso é unha oportunidade de reunir alguns dos máis destacados pensadores da educación social, a educación popular e a educación non formal con axentes dos procesos habituais de transformación social que constrúen estratexias de supervivencia e resistencia para os non incluídos no sistema económico dominante. 

Ademais das mesas de debates, das mostras de traballos, exposicións de proxectos, das tendas e da feira da economia solidaria, a diversidade cultural do Brasil terá unha importante presenza no XIX Congresso Mundial de Educadoras e Educadores Sociais que se inaugura no día 10 de abril no Centro de Convenções da UNICAMP en Campinas.

Apoio da Unesco 

A asociación Ponte...nas ondas!, recentemente acreditada como ONG consultora do patrimonio inmaterial pola UNESCO, vén de participar na última sesión do 11º Comité Intergobernamental de Salvaguarda do Patrimonio Cultural Inmaterial celebrada en Addis Abeba. Os antropólogos X.M.González Reboredo e Álvaro Campelo participaron nas sesións de debate xunto a outras ONG consultoras de todo o mundo presentando tamén a experiencia de Ponte...nas ondas! na Universidade de Addis Abeba. 
 

Comentarios