Ponte... nas ondas! conmemora os seus vinte anos con tres horas de radio

A conmemoración tiña que ser, por obriga, a través das ondas. Tres horas de radio ao vivo festexarán os 20 anos de Ponte... nas ondas!, un proxecto de comunicación, cultura e encontro de Galiza e Portugal. 

Ponte nas Ondas
photo_camera Ponte nas Ondas

Abríase a ponte entre Salvaterra de Miño e  Monção e, ao tempo, unha ducia de centros educativos das dúas beiras do río desenvolvían unha xornada de radio interescolar á que puxeron de nome “Ponte... nas ondas!”. Marzo de 1995 chegaba ao seu fin e inauguraba unha iniciativa á que lle quedaba un futuro próspero, con multitude de proxectos de encontros persoais, de defensa do patrimonio común, de dinamización escolar e de confianza nunha cultura con tradición que podía entusiasmar ás novas xeracións de rapaces e rapazas da Galiza e Portugal. O río Miño pasou de ser fronteira a ser ponte dun encontro do que se cumpren agora dúas décadas. 

Esta sexta feira, 27 de marzo, “Ponte... nas ondas!” rememorará aquela data fundacional e celebrará vinte anos dunha historia da que queda pegada en moreas de propostas e proxectos e tamén na memoria dos milleiros de persoas que participaron da iniciativa en todos estes anos. A Casa da Cultura de Salvaterra do Miño, o mesmo escenario daquel primeiro encontro, acollerá unha xornada especial na que se descubrirá unha placa conmemorativa e se desenvolverá un programa de radio especial con participantes e persoas colaboradoras da experiencia en todos estes anos de historia. 

Tres horas de radio e homenaxe

Serán tres horas de radio, de 16:00 a 19:00, nos que de novo se volva sobre aqueles obxectivos iniciais, o primeiro deles, establecer a comunicación entre mozas e mozos do Norte de Portugal e Galiza que está no xermolo daquela asociación de ensinantes de ambas beiras do río que botaron a andar a iniciativa. 

Varias publicacións, a presentación da candidatura diante da Unesco -que agora retoman- e o recente premio Ondas do pasado ano son algúns dos fitos desta historia que recoñece un pasado común coa mirada posta no futuro. Entre eles, a edición do disco Meniños Cantores, hai dez anos, e a elaboración dun videoclip sobre a ponte máis antiga entre Galiza e Portugal que une Valença e Tui no que participaron máis de 500 mozos e mozos converteuse no himno de Ponte... nas ondas!, aquel “Máis perto” que compuxeron Uxía e Segundo Garándoo. Cinco anos despois, o congreso “Pontes de Cultura, Pontes de Futuro”, suporía outro dos momentos centrais dunha historia que viviu o pasado ano un novo episodio, a conmemoración da 20ª edición da xornada radiofónica desde o auditorio central da Universidade de Vigo. Daquela conseguiron implicar máis de 60 centros educativos e máis de 15 estudios de radio locais e escolares.

Vídeo “Os amores que o Minho separa” realizado polos alumnos do CEIP Leirado (Salvaterra) e da Escola Preparatoria de Monçao:

 

Comentarios