Ponte nas Ondas, acreditada pola Unesco como consultora do patrimonio inmaterial

A asociación vén de converterse na primeira entidade galega en ser acreditada como asociación consultora do patrimonio inmaterial, logo da celebración da 10ª sesión do Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial celebrada en Windhoek (Namibia) do 30 de novembro ao 4 de decembro.

NamibiaUnesco
photo_camera Xuntanza da Unesco en Namibia

Ponte nas Ondas poderá  exercer as función consultivas que o Comité Intergobernamental da UNESCO lle solicite, referidas a expedientes presentados para inscribir elementos na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial. Pode ser consultada en programas, proxectos e actividades relacionados co artigo 18 da Convención e no impacto dos  plans de salvagarda dos elementos inscritos na Lista de Salvagarda urxente.

Esta asociación está integrada maioritariamente  por profesorado de ensino público (escolas, institutos e universidades) de Galiza e do Norte de Portugal. Desde hai 20 anos vén desenvolvendo un labor  de transmisión e posta en valor do patrimonio inmaterial galego-portugués no ámbito educativo e tamén no cultural cunha importante actividade pública de promoción e recoñecemento deste patrimonio. 

Ademais, conta con destacados especialistas no ámbito do patrimonio inmaterial que defenden a existencia do patrimonio común galego-portugués e que veñen realizando tareas de estudo e investigación en diversos eidos relacionados con esta cultura común, tales como Alexandre Parafita, Álvaro Campelo, Carlos Nogueira, Ria Lemaire, Antonio Reigosa e Xosé Manuel Cid. 

10 anos na loita

Ponte nas Ondas foi a asociación promotora da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, a primeira candidatura multinacional nacida a partir de centros educativos. Ademais, sumáronse ao proxecto gran número de comunidades de portadores como as asociacións integradas na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, as comunidades de montes e baldíos de Galiza e do Norte de Portugal, facultades universitarias, concellos, asociacións de artesáns ou de músicos tradicionais... 

Precisamente, o pasado 25 de novembro, coincidindo co 10 aniversario da presenza do patrimonio inmaterial galego-portugués na sede da Unesco en París, Ponte nas Ondas celebrou a Gala do Patrimonio no Teatro Municipal de Tui. 
 

Comentarios