Este sábado, no Teatro Jofre de Ferrol

Pondal en 16 poemas musicados

O Teatro Jofre de Ferrol acolle este sábado un espectáculo musical baseado en 16 poemas de Eduardo Pondal para celebrar o centenario do seu pasamento. 

pondal
photo_camera Eduardo Pondal

O espectáculo 'Pondaliana' é unha idea de Francisco Rodríguez e Andrés Pazo Bellón que está organizada pola Sociedade cultrual Medulio de Ferrol. Terá lugar o sábado 24 de xuño ás 20.30 no Teatro Jofre da cidade departamental, que acollerá un dos poucos actos en homenaxe ao poeta bergantiñán neste seu centenario, fóra do seu Ponteceso natal. 

A idea, que partiu do escritor e investigador Francisco Rodríguez, foi desenvolvida musicalmente por Andrés Pazos Bellón, que fixo a maioría das harmonizacións e instrumentacións das 16 pezas elixidas. Boa parte das melodías foron elaboradas polo propio Rodríguez, que fai así a súa primeira incursión no mundo da música. 

"O obxectivo é reflectir unha idea máis actual de Pondal, introducindo os seus poemas na música popular, típica de verbena, aínda que tamén hai outras pezas que se achegan máis ao folc, tamén á música romántica... Intentamos facer unha música moi ecléctica, moi variada, mesmo con pinceladas de jazz e de blues", explica Andrés Pazos. 

"Coido que o resultado reflicte moi ben o contido dos poemas", comenta o músico. "Rodríguez fíxonos unha proposta de varios poemas e a partir de aí escollemos as pezas que mellor podían adaptarse musicalmente. Foi un traballo moi intenso nun periodo curto". 

Futuro disco

No espectáculo intervirán varias voces como Lidia PIñeiro, Roberto Vázquez, Xoán Padín, Alberte L. Porta ou Paco Montero, cantante de Los Tamara, ademais doutros músicos, como o propio Pazos Bellón ao piano. Tamén é intención da organización gravalo e facer un disco, e despois xirar por máis auditorios de Galiza se o espectáculo ten boa acollida. Como mínimo "tocaremos no auditorio do Conservatorio de Ferrol para agradecerlle a súa colaboración con este proxecto", remata Andrés Pazos. 

Comentarios