Manuel Caamaño

"No político teño sufrido moito, quedo co cultural"

Un bo día, en Barcelona, Manuel Caamaño Suárez (Noia, 1936) baixaba de paquete na moto dun compañeiro do equipo de fútbol logo de adestrar co equipo da universidade. «Oes, Manolo. Ti que es galego, sabes quen era Breogán?». Caamaño non tiña nin idea. Deulle tanta vergoña que foi un punto de inflexión na súa vida.  Eis un estrato da peza publicada no número 373 do semanario en papel Sermos Galiza.
caamanho-foto

 Co tempo, aquel aspirante a aparellador técnico converteuse nunha das figuras máis senlleiras do galeguismo político e cultural. Conversamos co autor de As construcións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia, que lle valeu o Premio Antón Losada Diéguez e o Premio da Crítica Galicia, cando vén de participar da presentación do libro de José Cernadas A cantería tradicional, no Museo do Pobo Galego, do que é patrón.

Foi vostede un cativo nado en Noia, mais fixo a vida fóra desde idades moi temperás. Cando marcha da súa vila natal?

Aos 15 anos fun para Vigo interno, a un colexio privado, o Labor, para estudar o bacharelato. Mais non a un de curas, nin moito menos, senón de vellos republicanos que crearon esta escola onde incluso acollían xente represaliada, como Evaristo de Sela, un latinista de moita sona que traduciu ao galego a Ilíada ou a Odisea. 

caamanho-mini

Que queda na súa memoria daquel rapaz que tan noviño tivo que marchar da casa para ir primeiro a Vigo e logo a Barcelona?

Bos recordos, especialmente de Barcelona. Por iso, pola miña experiencia persoal, e máis nos tempos actuais, teño que defender os cataláns. Sen estar mal en Vigo, ollo, pois vivín grandes momentos no internado, onde había xente moi boa e que logo prosperou moito. Por exemplo, aí coñecín Carlos Torres, que era un xogadorazo que estivo varios anos no Celta e logo adestrou o Deportivo. Mais en  Barcelona estaba mellor, sobre todo porque estaba vivindo coa familia que tiña alí.

Durante a súa etapa estudantil en Barcelona toma conciencia de país. Houbo algún punto de inflexión?

En Barcelona xogaba nun equipo de fútbol chamado O Universitario, que adestraba un lendario técnico do Celta chamado Odilo Bravo. Naquel momento a miña concienciación galeguista aínda era moi leve, moi suave, mais un bo día, baixando en moto do campo de Vinardó –na zona alta da capital catalá– onde adestrabamos, o compañeiro que conducía preguntoume: «Oes, Manolo. Ti que es galego, sabes quen era Breogán?». E non souben responderlle. Deume tanta vergoña... Iso foi un punto de inflexión para min, fíxome darme de conta de que aquí ocorría algo para que nós non chegásemos a coñecer as persoas que destacasen ou que tivesen algún papel importante nalgún tempo histórico.

Cal é a parte de responsabilidade que nesa toma de conciencia ten a figura de Ramón Piñeiro?

A miña relación con Piñeiro foi moi boa, e fundamental para galeguizarme en todos os sentidos. Era un home moi paciente e cordial co que comecei a escribirme cartas a través dun amigo de Santiago que ía moito por Noia, durante os meus tempos de estudante en Barcelona, chegando a sumar arredor dunhas 70 nas que respondía a infinidade de preguntas que lle facía. Pasado o tempo discrepamos politicamente con el, tanto eu como moitos outros, véxase Xosé Manuel Seixas, Xosé Luís Franco Grande ou Salvador García Bolaño, mais nunca deixamos de ser amigos. De feito propúxome ser conselleiro de Galaxia, e alí estiven moitos anos. O que pasa é que o tempo vai aclarándolle a un moitas cousas, ou vai madurando, ou tal vez facéndose maior (Ri). 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 373 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios