O político Fernández Leiceaga descóbrese como novelista con "Agosto de memoria e morte" 

Coñecese pola súa longa traxectoria política, primeiro no BNG e logo no PSOE, e pola súa condición de economista mais Xoaquín Fernández Leiceaga desvélase agora como escritor coa novela Agosto de memoria e morte que verá a luz neste mes de xullo. 

xocas

Agosto de memoria é morte é a primeira novela do político e economista Xoaquín Fernández Leiceaga, que verá a luz neste mes de xullo na editorial Xerais. O agosto ao que se refire non é o do 36, aínda que a memoria da novela remita ao tempo da República e o levantamento militar, onde se sitúa o xermolo da trama desta historia de investigación policial. 

Nado en Noia en 1961, Xoaquín Fernández Leiceaga é un coñecido político que militou primeiro nas filas do nacionalismo -chegando a formar parte dos seus órganos de dirección do BNG- e ocupou cargos como concelleiro en Noia e Santiago e logo pasou, a integrar as listas do PSOE e logo formar parte do goberno municipal da man do alcalde Sánchez Bugallo. Leiceaga foi tamén deputado polo PsdG-PSOE no Parlamento de Galicia ademais de investigador en economía e profesor da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago. 

En Agosto de memoria e morte, o escritor deslócase aos últimos anos do franquismo cunha novela policial na que, ao longo de 344 páxinas, un novo investigador terá que descubrir as causas da morte dun promotor inmobiliario ao que se sumará outro posíbel asasinato. As pesquisas conducirán ao tempo da República e o levantamento militar, tempo da mocidade dos que agora están mortos en estrañas circunstancias. Tarefa do investigador será desenlear o novelo da historia, do relato dos acontecementos e tamén da relación co tempo que lles tocou vivir, o presente e, en especial, o seu pasado. “As feridas que non cauterizan dan sempre problemas e a ideoloxía pode manter aceso demasiado tempo o lume do resentimento. O pasado atrápanos, a memoria retorna... e mata”, anuncian desde a editorial para presentar a primeira novela de Xocas.

Comentarios