O manifesto SCUM de Valerie Solanas, en galego

“Pola abolición do diñeiro e a destrución do sexo masculino”

A súa é unhas máis iradas requisitorias contra o patriarcado e a súa estrutura de dominación. Produto dun tempo rebelde e salvaxe, orixinal de 1967, o Manifesto SCUM da estadounidense Valerie Solanas (1936-1988) é “unha aposta radical, non exenta de ironía, e adiántase moitos anos a visións feministas posteriores”. A definición pertence á editora ourensá Saurobuks, que vén de traducilo ao galego.
SCUM en galego
photo_camera SCUM en galego. Imaxe: Saurobuks.

“A vida nesta sociedade é, no mellor dos casos, un completo aburrimento, e ningún trazo relevante, para as mulleres que permanecen sendo persoas críticas, responsábeis, e na procura de emocións”, comeza o documento, “a menos que se derroque o goberno, que se elimine o sistema monetario, que se institúa a completa automatización e a destrución do sexo masculino”.Valerie_Solanas

Escritora e artista, en SCUM -subtitulado Manifesto para a organización do exterminio do home- Solanas invirte tópicos machistas daquela habituais e mesmo hai quen interpreta o texto como a subversión feminista da teoría da envexa do falo de Sigmund Freud. “Demostra unha lucidez que pasma na análise certeira de moitos dos males que aflixían -e continúan aflixindo- a sociedade occidental a nivel sexual”, entende a editorial.

A versión galega de SCUM, traballo colectivo con Adriana Pérez á cabeza, conta co traballo gráfico da ilustradora Mute e inaugura “unha nova colección en Saurobuks de textos traducidos ao galego, coa que se pretende rescatar e visibilizar a autoras e loitadores que dalgunha maneira abriron camiño e que foron ou son silenciadas e pouco coñecidas”.

Solanas tamén foi actriz, en concreto para un filme de Andy Warhol. Por un incidente con este último, en que ela acabou disparando ao famoso pintor, pasou anos no cárcere. O seu esteiro comezou a borrarse e, entre entradas e saídas en hospitais psiquiátricos, morreu na pobreza aos 52 anos en San Francisco (EE UU). A película I shot Andy Warhol [Disparei a Andy Warhol, 1996), dirixida por Mary Harron, reconstrúe a súa historia.

Nota: a escritora Valerie Solanas en 1967.

Comentarios