“Poétic@”, a aposta de Fran Alonso por renovar a lectura da poesía desde a rede

“Poétic@” é máis que un libro na rede. É unha nova forma “transmedia” de lectura da poesía 2.0. Múltiples planos, música, imaxe, referencias literarias... a intertextualidade no extremo dun libro poético con infinidade de planos. 

poetica
photo_camera poetica

Online e de acceso libre. Así é o Poétic@ de Fran Alonso un novo título que dá un paso adiante na literatura electrónica en lingua galega e sitúase na vangarda das novas propostas de lectura poética. Pódese ler en ordenador, tabletas e móbiles e ten versión tamén en castelán e portugués. Nace Poétic@ despois dun ano de traballo do autor só online que, alén da escrita poética, incorpora multitude de referencias que aproveitan a intertextualidade do soporte. 

Poétic@ está editada polo propio autor no selo Pitipoto e contou con Estudi1Llimona, de Palma de Mallorca para o deseño e desenvolvemento web. Como poesía dixital e transmedia define o autor esta nova proposta que exprime as posibilidades das novas tecnoloxías na creación literaria cun discurso que cualifica de “ácido e corrosivo sobre a propia poesía e os seus mitos e tópicos”. 

Instalación poética 

As múltiples formas, a incorporación de música, imaxe e outras referencias, aproximan Poétic@ ao concepto de “instalación poética” na que entran en xogo distintas linguaxes contemporáneas que “comparten un espírito lúdico e provocador, contraditorio, que confunde, experimenta, investiga e dá lugar a un poemario diferente, multifocal e polidiscursivo, fragmentario, irónico, no que as propias citas doutros/as creadores/as se incorporan ao texto formando parte indisociable de cada instalación poética”. A lectura da nova obra de Fran Alonso pódese enredar a través de moreas de enlaces que abren novas posibilidades de lectura, na que, do texto vanse abrindo novas portas a outras artes a outras poéticas con novos rexistros que enredan o propio discurso poético. 

Por toda a súa construción, polas posibilidades de interactuar e decidir o vieiro da propia lectura, Poétic@ é tamén un poemario participativo e busca un “novo pacto de complicidade e relación ao abeiro das novas tecnoloxías”.

Comentarios