Homenaxe a Miro Casabella

Poetas en Miro Casabella

Con motivo da homenaxe que estes días lle rende o Concello de Cambre a Miro Casabella, publicamos un texto do escritor Lois Diéguez sobre a relación entre poetas e cantantes galegos.

Dibujo1
photo_camera Miro Casabella en primeiro termo. Conversan, ao fondo, Benedicto e Raimon, no Festival de Música Folk o 9 de maio de 1976 na Universidade Autónoma de Madrid. Foto cortesía de Xan Fraga.

O nome, Miro Casabella, tráeme unha historia grande que vén xa desde finais dos anos sesenta e chega á actualidade. Saboréase cando se pronuncia e na memoria  abren esas historias políticas, sociais e literarias ás que mozos e mozas daqueles anos lles puxeron música. Partíase dunha situación fascista e antigalega difícil, negra para a expresión tamén. Os de Voces Ceibes viñeron a Madrid daquela a facer carta de presentación, a dicir que na Galiza tamén se compoñía música libre, propia, nacional, que había un espertar social como ocorría en Catalunya, en Euskadi e moitas nacións máis. Nós, que estudabamos alí, fomos recibilos ao hotel onde se hospedaban. Sentiámonos orgullosos porque na Galiza nunca tal se vira. Rompíase co folclorismo imposto e igualabámonos a aqueles franceses e cataláns que cantaban fresco, doutro xeito e con palabras fermosísimas no idioma propio. Era o folk, o popular de fondo e de idea, a alegría de denunciar e sentirse libre así, axudar, comunicar as ideas.

Comezaron os recitais que levantaban masas e esperanzas por moitos lugares do país e do estranxeiro, de Voces Ceibes, representadas por  Benedicto, Xerardo Moscoso, Xabier, Margariña Valderrama, Vicente Araguas, Guillermo Rojo, Bibiano, Suso Vaamonde, Xaime Barreiro ou Tino Álvarez, e o noso protagonista de hoxe, Miro Casabella. Pero antes, e iso influíu na creación de Voces Ceibes, nós ouviamos en Madrid a Raimón, o cantor de Xativa, e outros de fóra en diferentes etapas: Luís Cilia, José Afonso, Pi de la Serra, Joan Baez ou Paco Ibáñez. En Madrid asistín á composición do cartel que anunciaba un recital de Voces Ceibes en Compostela, da autoría de Raimundo Patiño, que inauguraba tamén a creación da Estampa Popular Galega, cartaz que despois exhibimos polas rúas de Monforte varios estudantes como protesta polas recitais e actos que se prohibían. Nesta mesma cidade coñecín a Claudi Martí, un dos creadores da compañía discográfica Edigsa-Xistral que foi, polo grande traballo tamén do poeta Manuel María, a que editou moitos dos discos da Nova Canción Galega.

Aplaudín sempre a íntima relación que desde o principio existiu entre cantantes e poetas galegos. Foi un dos grandes acertos porque lle deu calidade tamén á creación musical e á súa introdución na sociedade galega. O estudantado coñecía moitos dos poemas clásicos de Curros ou Rosalía e cantábaos espontaneamente. A novidade significada polos novos cantores fixo a súa revolución, na cal andou, con forza, Miro Casabella coa súa voz característica, tremente, modulando a beleza e contundencia duns poemas que andaban xa en libros publicados ou folletos tirados a multicopista. Algúns deles aparecían con pseudónimo, como os de Arístides Silveira (Celso Emilio Ferreiro) ou mesmo Heriberto Bens (Xosé Luís Méndez Ferrín).

Se a historia fose xusta e a loita máis atendida, toda Galiza coñecería hoxe este capítulo seu que nos orgulla

Hai uns meses que sentín de novo, en directo, a Miro, coa súa guitarra e na compaña doutro dos nosos históricos, Quintas Canella. Voces míticas? Pois si, precisamente pola historia e unha dedicación vocacional á música contra todos os sapos que aínda a nosa cultura en xeral ten que aturar. Ambos nos deleitan a veces con eses poemas satíricos, críticos, co humor que tamén levan en moitos casos, de autores medievais. Un dos discos de Miro ten o título de Cantigas de Escarnho e de Maldizer, no que lle pon música a poemas de Afonso o titulado X que para a nosa historia é o IX, ao Joao Romeu de Lugo (Loaban un día en Lugo a Elvira Pérez/ a filla de Elvira Padroa...), A Arístides Silveira (Olla meu irmao)..., mentres Quintas Canella o facía co sonado Mendinho (Sedíame eu na ermida de san Simón) e outros poemas de Eanes do Cotón ou Dom Dinís no seu fermoso disco Porque no mundo mengou a verdade, cos músicos Eloy e Ánxel Barbadillo, xa en 1978.  

Miro indagou máis, bo coñecedor da nosa literatura, musicou en solitario ou con outros autores a Xoan Manuel Casado (quen non coñece o sublime O meu país), o adorado Luís Pimentel (Cantiga de berce), ao épico Ramón Cabanillas (O Mariscal) ou ao lembrado sempre Uxío Novoneyra (Comezo de canto). Quedo agora a escoitar O meu país e, como sempre, emociónome e tremo unha miga. Se a historia fose xusta e a loita máis atendida, toda Galiza coñecería hoxe este capítulo seu que nos orgulla. Honra ao Miro e a todos, todas aquelas que nos trouxeron estrelas. Chin chin, meu noso cantor.

[Esta colaboración foi publicada no A FONDO especial Miro Casabella, recollido no Sermos Galiza 255, á venda na loxa]

Comentarios