Tres poetas da Galiza recitarán no ciclo “Voces paralelas” das letras catalás

Tres voces galegas e tres catalás. O ciclo “Voces paralelas” convida nesta edición de 2014 á poesía galega a partillar unha xira por Cataluña, Valencia e Mallorc.  Chus Pato, Gonzalo Hermo e Estíbaliz Espinosa recitarán canda Sebastià Perelló, Susanna Lliberós, e Adrià Targa no ciclo poético anual da Institució de les Lletres Catalanes. 

Chus Pato
photo_camera Chus Pato

Chus Pato, Gonzalo Hermo e Estíbaliz Espinosa serán as voces galegas que partillarán coas catalás de  Sebastià Perelló, Susanna Lliberós, e Adrià Targa o ciclo “Voces paralelas” que levará o encontro poético galego-catalán a diversas localidades de Cataluña, Valencia e Mallorca. “De Fisterra ao Cap de Creus”, é o lema que acompaña á xira literaria 

Desta volta, o ciclo reúne a tres poetas cataláns de xeracións diferentes con tres voces convidadas desde Galiza. Será a actriz Mireia Chalamanch a que guiará o espectáculo e recitará en catalán a obra galega nas distintas citas que se desenvolverán en Cataluña, Valencia e Mallorca desde o 29 de xuño ao 6 de xullo. Espazos singulares acollerán o espectáculo poético que ten Galiza desta volta como país convidado. O claustro de Sant Francesc de Vilafranca del Penedés, o claustro Sant Pau do Centre Tarraconense, o Centro de Cultura Contemporánea de Valencia, o Convento, espazo de arte de Vila-real,  a Llibreria Quars de Palma ou El Born Centre Cultural de  Barcelona son algúns escenarios nos que terá lugar o encontro “Voces paralelas”, “Veus Paral·leles” na súa 12 edición. 

O elo coa poesía catalá

O esquema de “Voces paralelas”, o espectáculo anual de poesía da Institució de les Lletres Catalanes dirixido por Albert Mestres, repítese máis unha vez convidando a seis poetas, tres de lingua catalá e tres doutra lingua recitan a súa obra nunha xira arredor de distintas cidades dos países catalás. Unha actriz fai a ligazón da poesía dos seis autores e autoras e tamén recita en catalán a poesía da lingua convidada. 

 O proxecto ten como obxectivo “facer descubrir e poñer de relevo culturas, realidades lingüísticas e mundos poéticos varios ao público catalán e, ao tempo, poñer en contacto coa realidade da poesía catalá”. 

Comentarios