Críticas feministas renden homenaxe a Xela Arias

"Poeta independente de seu e agasallo para todas"

A plataforma de crítica literaria feminista A Sega e a libraría compostelá Chan da Pólvora, especializada en poesía, organizan o vindeiro 26 de febreiro unha homenaxe á poeta Xela Arias.
 

xela arias - foto aelg
photo_camera A poeta Xela Arias. Foto: AELG.

A publicación da súa Poesía reunida (1982-2004), da man de Xerais e ao coidado da profesora María Xesús Nogueira, é a escusa para celebrar a obra insular, tensa e radical, de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2004). “Poeta independente de seu e agasallo para todas”, sinalan as organizadoras.

Singular no seu contexto xeracional, destemida e pioneira, a súa poesía afastouse das voces principais que acabaron por conformar o canon da época. “É unha voz que, desde os anos 80 até a súa prematura partida, logrou enfiar unha obra tan só comparábel consigo mesma e comprometida co mundo que camiñaba”, din, “que camiñaba Xela. Xela muller”.

A críticas reunidas na Sega hai tempo que propoñen Xela Arias como protagonista do Día das Letras Galegas. Cinco delas, tamén poetas, estarán a terza feira, 26 de febreiro, ás 20.30 horas, en Chan da Pólvora para “contaren a súa vida e leren a súa obra”. Serán Andrea Barreira Freije, Ánxela Lema París, Arancha Nogueira, Lara Rozados e Nuria Vil.

Comentarios