'Sermos Galiza'

O poeta da resistencia no exilio

Con motivo do Día das Letras Galegas, Sermos Galiza edita un número especial sobre Florencio Delgado Gurriarán, o poeta e activista homenaxeado este ano. O monográfico 'O poeta da resistencia no exilio', de 40 páxinas, nunha coidada edición, publícase este sábado, día 14 de maio, canda Nós Diario
Detalles da capa do 'Sermos Galiza' deste sábado sobre Delgado Gurriarán.
photo_camera Detalles da capa do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Florencio Manuel Delgado Gurriarán regresa a Valdeorras en 1928 e, se cadra, é nesa data onde nace o Delgado Gurriarán que se celebra neste Día das Letras. Ten vinte e cinco anos e vén de estudar dereito en Valladolid, onde abriu os ollos ao nacionalismo que se daba a coñecer no voceiro das Irmandades da Fala, A Nosa Terra. O seu regreso é o comezo dunha actividade colectiva que o leva a promover actividades culturais na bisbarra, a organizar festas, a levar preitos veciñais desde o seu posto nun bufete do Barco. As Irmandades axiña mudan  a acción cultural pola política, e Delgado Gurriarán fai parte da Irmandade de Valdeorras como representante de Córgomo, a súa aldea natal. 

Ou se cadra non, se cadra o compromiso xa comezara antes, nas visitas á casa familiar de Córgomo onde, na biblioteca, Florencio lía nos libros de Rosalía, de Curros, de Cabanillas. Aí espertou unha vocación poética que axiña o leva a publicar poemas en diferentes publicacións periódicas, até que, en 1934, aparece Bebedeira, o seu primeiro volume de poemas, da man da editorial Nós. O libro foi moi ben recibido pola crítica: Carvalho Calero, por exemplo, sitúao na órbita da poesía de Amado Carballo. 

Nós Diario, por medio do semanario Sermos Galiza, explora esas dúas vocacións de Florencio Delgado Gurriarán cun especial de 40 páxinas que recolle distintas visións sobre unha personalidade caracterizada polo compromiso, ben desde a acción cívica e política, ben desde a actividade literaria. Dúas facetas inseparábeis que se entrecruzan constantemente e que converten Delgado Gurriarán nunha das personalidades máis atractivas e representativas dunha parte da nosa historia na que aínda queda moito por afondar.  

Combinar literatura e política, non debeu ser doado. A actividade literaria de Gurriarán despois da publicación de Bebedeira diminúe na mesma medida en que se incrementa a política, desde a celebración da Diada de Galiza até os contactos co núcleo ourensán, con Otero Pedraio, que visita Valdeorras en varias ocasións. Escribe artigos nos que critica o caciquismo e o centralismo. Afíliase ao Partido Galeguista e, na asemblea anual de 1934, en Ourense, coñece a Castelao. Os galeguistas de Valdeorras asumen a liña de esquerdas que abandeiraba Castelao e, cando Bóveda e o propio Castelao son desterrados, Delgado Gurriarán e outros galeguistas da comarca acompáñanos no tren que viaxaban desde Monforte até O Barco. Axiña comezan unha campaña de recollida de sinaturas pedindo o indulto. O labor político é intenso durante todos os anos republicanos e culmina co traballo na busca de alianzas que levarían á celebración do referendo do Estatuto de 1936.

A resistencia e o exilio 

Logo do golpe de Estado de 1936, o ronsel de Gurriarán viaxa a través da resistencia -desde o Exército Republicano e desde a Secretaría de Propaganda do Partido Galeguista até a Solidaridad Gallega Antifascista, que deseñou unha operación de rescate dos que resistían en zonas ocupadas- até o exilio, onde Gurriarán se converte no protagonista de varios dos capítulos máis ilustres da acción galeguista no exterior: desde a publicación das revistas Saudade e Vieiros e a edición do Cancioneiro de loita galega até a súa participación na constitución da Alianza Nazonal-Galega ou a redacción e sinatura do pacto Galeuzca.

Un Sermos Galiza especial para afondar en Gurriarán 

O especial de Sermos Galiza non pretende dar conta dunha traxectoria que precisaría de varios volumes para ser considerada con xustiza, mais si chamar a atención sobre certos aspectos da vida e da obra de Florencio Delgado Gurriarán que poden iluminar os pasos básicos dun percorrido vital que recolle varias das constantes históricas da Galiza de mediados do século XX. 

Así, Miro Villar resume a contribución de Gurriarán a través de Saudade e de Vieiros, un exemplo da afervoada defensa da lingua e do ideario galeguista que sempre mantivo o poeta ao longo da súa vida. De igual maneira, o crítico e historiador da literatura Xosé Ramón Pena afonda nalgúns aspectos da poesía mexicana do autor. Débora Álvarez Moldes, pola súa banda, reconstrúe os vínculos da poesía de Gurriarán coa súa terra natal de Valdeorras. A xornalista Cristina de la Torre dará a súa visión sobre a recuperación contemporánea da figura do autor homenaxeado este ano, mentres que Montse González conversa co cantautor Anxo Rei, o primeiro divulgador da súa poesía. Finalmente, Manuel Xestoso entrevista a Ricardo Gurriarán para dar unha visión de conxunto da vida do autor. 

O especial venderase conxuntamente con Nós Diario o vindeiro sábado 14 de maio. As 40 páxinas ao prezo de sempre do semanario. Nos quiosques e puntos de venda habituais e na loxa. Se non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte.

Comentarios