14 de novembro

A poeta Chus Pato leva o seu último libro á Universidade de Oxford

É unha das máis potentes e admiradas voces da poesía galega contemporánea. Tamén das máis traducidas a outras linguas. Este 14 de novembro Chus Pato (Ourense, 1955) estará na Universidade de Oxford (Inglaterra), onde lerá poemas do seu último libro, Un libre favor (Galaxia, 2019).
[Imaxe: RAG] Chus Pato
photo_camera A poeta Chus Pato durante a lectura do seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Foto: RAG.

Canda Pato estará a poeta canadense Erín Moure, responsábel das versións en inglés da escritora galega como m-Talá (2000), Charenton (2004), Hordas de escritura (2008), Secesión (2009) e Carne de Leviatán (2013). Un libre favor é na tradución de Moure An Open Gift e unha mostra do seu traballo de pasaxe pode lerse na revista Granta.

O Queen's College de Oxford convidou Chus Pato, tamén membro numeraria da Real Academia Galega, á súa residencia sobre escrita internacional e tradución. Ademais do recital compartido con Moure, Pato tamén se encontrará con estudantes de Oxford, nunha cita organizada polo Centro de Estudos Galegos John Rutherford da Facultade de Linguas Modernas e Medievais.

Moure e Pato xa viaxaron xuntas en 2015 aos Estados Unidos, cando a poeta se converteu na primeira autora galega en rexistrar a súa voz na Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard.

Comentarios