Pilar Pallarés, Xiara Arias, Yolanda Castaño, Lara Rozados, Andrea Nunes, Estíbaliz Espinosa, Ana Romaní, Chus Pato, Eva Veiga, Berta Dávila e dúas da Mariña, Luz Pozo Garza e Olalla Cociña acompañarán o vindeiro 2015 na Axenda Feminista que, como cada ano, publica o Observatorio da Mariña pola Igualdade. De cada autora inclúese unha foto e un texto inédito, que as poetas escribiron expresamente para a axenda.
Despois de que en anos anteriores a axenda visibilízase mulleres do teatro -2014-, escritoras -2013- e músicas -2012- tócalle agora a vez a doce poetas de distintas xeracións mais todas en activo xa que elas poden, segundo as promotoras, “rachar as lindes da norma e de estourar ceibes en todos os espazos”. Responden tamén a un dos obxectivos do Observatorio “construír, crear e dicir, desde a rebeldía e desde a poesía”. Canda a foto e o texto inédito, a axenda inclúe unha bio-bibliografía das poetas en cada un dos meses, alén de incluír as conmemoracións relevantes do movemento feminista, páxinas de notas e o calendario menstrual.
Venda en librarías e por correo
A poeta Antía Otero como vicepresidenta da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega -colaboradora da iniciativa- asina unha benvida nesta nova edición dunha axenda que está á venda por 12 euros.
A axenda pódese solicitar ao Observatorio da Mariña pola Igualdade a través do mail [email protected] ou do teléfono 627.037.668 ou nos seguintes puntos de venda:
Ribadeo: Libraría Casa das Letras e Tenda de Calidade Guidán.
Foz: Libraría Bahía.
Burela: Libraría Espacio Lector Nobel e Papelería Atril.
Viveiro: Libraría Porta da Vila.
Santiago de Compostela: Libraría feminista Lila de Lilith e Libraría Pedreira
A Coruña: Libraría Suevia.