Unha poeta para cada mes do ano desde o feminismo

Doce  poetas para doce meses. Este ano son poetas as protagonistas da Axenda Feminista 2015 do Observatorio da Mariña pola Igualdade. Cada unha aporta un texto escrito expresamente para acompañar o vindeiro ano.

Deseño de David Ribas para a Axenda
photo_camera Deseño de David Ribas para a Axenda

Pilar Pallarés, Xiara Arias, Yolanda Castaño, Lara Rozados, Andrea Nunes, Estíbaliz Espinosa, Ana Romaní, Chus Pato, Eva Veiga, Berta Dávila e dúas da Mariña, Luz Pozo Garza e Olalla Cociña acompañarán o vindeiro 2015 na Axenda Feminista que, como cada ano, publica o Observatorio da Mariña pola Igualdade. De cada autora inclúese unha foto e un texto inédito, que as poetas escribiron expresamente para a axenda.  

Despois de que en anos anteriores a axenda visibilízase mulleres do teatro -2014-, escritoras -2013-  e músicas -2012- tócalle agora a vez a doce poetas de distintas xeracións mais todas en activo xa que  elas poden, segundo as promotoras, “rachar as lindes da norma e de estourar ceibes en todos os espazos”.  Responden tamén a un dos obxectivos do Observatorio “construír, crear e dicir, desde a rebeldía e desde a poesía”.  Canda a foto e o texto inédito, a axenda inclúe unha bio-bibliografía das poetas en cada un dos meses, alén de incluír as conmemoracións relevantes do movemento feminista, páxinas de notas e o calendario menstrual. 

Venda en librarías e por correo

A poeta Antía Otero como vicepresidenta da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega -colaboradora da iniciativa- asina unha benvida nesta nova edición dunha axenda que está á venda por 12 euros. 

A axenda pódese solicitar ao Observatorio da Mariña pola Igualdade a través do mail [email protected] ou do teléfono 627.037.668 ou nos seguintes puntos de venda: 
 
Ribadeo: Libraría Casa das Letras e Tenda de Calidade Guidán.
Foz: Libraría Bahía.
Burela: Libraría Espacio Lector Nobel e Papelería Atril.
Viveiro: Libraría Porta da Vila.
Santiago de Compostela: Libraría feminista Lila de Lilith e Libraría Pedreira
A Coruña: Libraría Suevia.

Comentarios