venres 30/10/20
VII Poemagosto

A poesía renova a súa posición simbólica en Allariz

A reivindicación da diversidade ou o ollar ás marxes foron algúns dos fíos condutores da sétima edición do festival internacional de poesía Poemagosto, que voltou a realizarse en Allariz, desta vez con todas as restricións impostas polas medidas de seguridade.
Poemagosto
Un dos recitais (Foto: Poemagosto)

O problema non é o castelán. Nin España. Nin o pobo español. Son algunhas persoas que senten odio aos idiomas, países, nacións diferentes da súa. Que rexeitan o que consideran alleo. Iso dicía Carlos da Aira ao presentar no festival de poesía que dirixe en Allariz, o Poemagosto, a poeta asturiana Sofía Castañón, que recitou despois en asturiano e en castelán. Antes da intervención dela, o público puidera escoitar xa poemas en galego, en portugués ou en árabe.

Porque iso é o Poemagosto. Encontro de diversidades lingüísticas e culturais. Mostra da relevancia da cultura para crear comunidade. E un reforzo máis da posición simbólica da poesía na cultura galega. Sempre no cumio. Dicíao a poeta de Lisboa Raquel Lima tras o remate dos recitais poéticos da tarde —este ano o Poemagosto tivo que concentrar a súa programación nun só día—. Amosábase sorprendida do recoñecemento da poesía na Galiza. Da repercusión dos festivais poéticos. E ela, precisamente, fora unha das poetas que máis abraiaran o público do Poemagosto. Todo, no seu recitado, era musicalidade. Ritmo. Pura beleza na dicción.

A xornada comezara xa coa emoción do relato de Moncho Iglesias sobre un neno asasinado por un disparo tras aprender a non chorar ao saberse, coa súa familia, refuxiado, expulsado do seu fogar de laranxeiras. Era un neno palestino, mais podería ser calquera outro rapaz exiliado. Condenado á intemperie polos poderes que poderían evitar as diásporas. Despois de Moncho Iglesias interviu Charo Lopes, que recitou algúns poemas do seu último libro, álbum. Un poemario sobre o que non é representado nin, polo tanto, recoñecido. Sobre o que non sae na foto. Coma o neno palestino de Moncho Iglesias.

As marxes

Continuou Andrea Nunes con Todas as mulleres que fun, un dos máis belos poemarios de amor da literatura galega. E o seu recital foi tamén, coma o de Charo Lopes, unha reivindicación do que fica nas marxes. Mulleres esquecidas. Corpos disidentes. Estranxeiras perennes na emigración. Baldo Ramos seguiu despois o ronsel dos fogares deshabitados do libro No interior do abandono. A Galiza despoboada. As insoportábeis ausencias.

Foi máis tarde a quenda do iraquí Abdul Hadi Sadoun, quen lembrou que, malia ser o seu país noticia só polos conflitos, ditaduras, invasións e destrucións, forma parte dunha "cultura enorme" na que, como na Galiza, a poesía é cénit. No Iraq, dixo, a poesía é diván, lugar de encontro de todo o país. Raquel Lima amosou despois a súa "bomba poética" disposta ao "terrorismo literario", como ela mesma di nun dos seus poemas, coa súa vibrante expresividade, mentres que Sofía Castañón enfiou versos sobre as mulleres e a percusión ou sobre o dereito ao medo aos avións bélicos fronte á decisión de celebrar festivais aéreos, como se non existise a memoria da guerra.

Son Trío acompañou os recitais da mañá coa sensibilidade inmensa do seu disco Miña Almiña, con letras de Rosalía de Castro. A sesión da tarde, mellor medida en tempos e ritmos que a da mañá, excesivamente longa, abriuna e fechouna Terra Morena coas súas cancións homenaxe a Zeca Afonso. Moncho Iglesias falou de amor a un peixe, de amor entre unha pedra e unha flor ou de amor a seu pai, falecido pola Covid, antes de recitar Adiós ríos, adiós fontes en lingua bangla. Charo Lopes leu algúns dos poemas de radical intensidade e imprescindíbel fondura no discurso —de reivindicación, tamén, das marxes— de De como acontece a fin do mundo

A reportaxe completa na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu

comentarios