Poesía palestina, dominicana e galega no ciclo Di(n)versos da Coruña

O poeta Antonio Gamoneda (Oviedo, 1931), unha das voces centrais da poesía española contemporánea, compartirá escenario con Dores Tembrás (Bergondo, 1979), autora de referencia entre as últimas promocións de poetas galegas. A sesión, o vindeiro 19 de febreiro na Coruña, será un dos pratos fortes do ciclo Poetas Di(n)versos, que dirixe a escritora Yolanda Castaño.
 

PR-pic_Fatena-Al-Ghorra
photo_camera A poeta palestina Fatena-Al-Ghorra, que participará no ciclo Di(n)versos da Coruña.

Mais antes, a vindeira segunda feira 22 de xaneiro, a ensaísta, narardora e tamén poeta María Xosé Queizán (Vigo, 1939) dirá os seus versos canda Fatena Al Ghorra (Palestina, 1974), e unha das autoras segundo a organización “máis recoñecidas da lírica” do seu país, exiliada en Bélxica.

A tempada invernal de Di(n)versos) concluirá a segunda feira 19 de marzo coa lectura do poeta dominicano Frank Báez (Santo Domingo, 1978), “unha das voces máis estimulantes e persoais da poesía centroamericana”. Canda el estará Lois Pérez (Lugo, 1979), cuxo Long Play (2017) é un dos libros de poemas máis comentados dos últimos tempos na poesía galega.

O ciclo, comisariado pola poeta Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) e dependente da Concellaría de Culturas da Coruña, atinxe o seu noveno ano consecutivo. Todos os recitais serán ás oito e media no auditorio do Ágora, onde estarán á venda os libros das poetas participantes.

Comentarios