Entre o 21 e o 24 de marzo

Poesía oral e lírica en guerra no festival 'Alguén que respira!' de Compostela

O primeiro festival de poesía Alguén que respira! celebrarase a partir desta cuarta feira en Santiago de Compostela. Organizado polo concello en colaboración con Política Lingüística, e dirixido polo poeta Antón Lopo, esta edición inaugural céntrase “na oralidade como base do impulso poético e os procesos de creación lírica nos territorios en conflito bélico”.
 

Teatro Principal de Compostela (arquivo).
photo_camera O Teatro Principal de Compostela. Foto: Concello de Santiago de Compostela.

O encontro, que se estende ate o domingo 24 de marzo, contará con importantes voces galegas e internacionais, e un manifesto de apertura pronunciado pola histórica feminista, novelista e poeta María Xosé Queizán (Vigo, 1939). Será o día 21, Día Mundial da Poesía. Nese serán, ás oito, un recital acollerá lecturas de Olga Novo, Salvador García Bodaño, a propia Queizán, a poeta asturiana Olvido García Valdés, o escocés Andrew McMillan e catalá María Sevilla.

alguén que respira! - foto

Ao día seguinte, quinta feira 22 de marzo, McMillan e García Valdés, acompañados dos galegos Isaac Xubín e Ana Romaní, intercambiarán impresións nun café literario ás cinco da tarde. Ás sete, as diferentes vías da oralidade aplicadas á poesía comparecerán no festival: dous enfrontamentos de regueifa e un torneo de slam poetry -poesía recitada e, en parte, improvisada. Participarán galegas e portuguesas, por caso Duke Sam, Nuria Vil, Oriana Méndez, Carlos da Aira, Esther Carrodeguas, Raquel Lima e Vítor Hugo Moreira.

A xornada do 22 rematará coa proposta fronteiriza, entre a dramaturxia e a poesía, de Clara Gayo, Carlos Santiago e Zé Paredes, quen amosarán un traballo realizado por encargo do festival.

O Teatro Principal, no corazón da cidade vella compostelá, servirá de escenario ao recital Atravesar a verxa -sexta feira, 23 de marzo- en que Isaac Xubín, Luísa Castro, Xabier Xil Xardón e Javier Peñafiel lerán poemas “en insólitos espazos do edificio”. Despois, ás oito do serán, haberá a sesión Escrita en conflito, que recollerá o testemuño de Miguel Anxo Murado sobre literatura en guerra e os recitados do refuxiado sirio Mohamad Frias Alshaheen e do saharauí Bahi Mahmud Awah.

Ás nove e media, a proxección de videopoemas de Miriam Reyes, Estela Pan, o grupo Cintaadhesiva -en que canta a poeta Silvia Penas- e mais Celia Parra pechará a penúltima das xornadas de Alguén que respira! Cuxa clausura será o sábado 24 de marzo cun recital presentado por Ana Romaní e coas intervencións de Estíbaliz Espinosa, Ana Vallés e Nuria Sotelo, e mais Lupe Gómez. O cantaor flamenco Niño de Elche, heterodoxo e investigador tamén no campo da poesía, porá o ramo.

A entrada para as actividades do festival son de balde e poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal de Compostela.

Nota: na imaxe, de esquerda a dereita, o director do festival Antón Lópo, a concelleira de Acción Cultural Branca Novoneyra e o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García.

Comentarios