Poemagosto, do 13 ao 15

Poesía e música bícanse en Allariz

A palabra tórnase poesía e festa. Tamén música. Do 13 ao 15 de outubro, Allariz convértese en epicentro dos versos coa cuarta edición do Poemagosto, o festival de outono que nesta ocasión suma días e acada a internacionalidade cun amplo programa de actividades culturais. A iniciativa, organizada pola Libraría Aira das Letras e pola Fundación Vicente Risco, consolídase como unha das citas literarias da Galiza.

montaxe
photo_camera [Imaxe: Alberto Pombo e Tamara de la Fuente] Yolanda Castaño e Antía Otero

O Poemagosto chega á súa cuarta edición e faino coa ampliación do festival  a tres xornadas. Nesta ocasión, terá lugar do 13 ao 15 de outubro. A outra novidade ten a ver coa participación de poetas participantes, xa que este ano acada a internacionalidade, coa presenza do chinés Hu Xudong e da brasileira Francesca Cricelli. Aliás, cada un dos días de esta edición contará cun espectáculo musical, sinala, en declaracións a Sermos Galiza, César Lorenzo, de Aira das Letras, organizadora xunto á Fundación Vicente Risco.

4“Sempre temos o ánimo de axudar á vida cultural de Allariz que, de feito, ten unha vida cultural maior en relación a outros concellos que contan coa mesma poboación. Calquera que siga a axenda cultural de Allariz se decata de que é equiparábel a unha vila dez veces maior. É máis, compite con Ourense en actividade cultural”, afirma Lorenzo. “Que haxa un festival dedicado á poesía, a disciplina que menos difusión ten na arte literaria, é un puñazo enriba da mesa co que demostramos que somos quen de mellorar cada ano”, engade.

O Poemagosto xurdiu en 2014 da man do poeta Carlos da Aira, a súa alma máter. O espírito de poesía militante chegaba así ao Ecospazo O Rexo no mes de novembro, o dos magostos. De aí o nome da iniciativa. Porén, debido á chuvia que caeu na primeira edición –aínda que non impediu que resultase un éxito– a partir do segundo ano trasladouse o festival á vila de Allariz e adiantouse un mes. Desde o primeiro momento, buscouse que o Poemagosto transcendese os lindes dos recitais poéticos combativos para lle engadir un xantar de confraternización e actividades para crianzas.

“Realmente, o Poemagosto naceu falando con Luís Martínez Risco, da Fundación Vicente Risco, e con Carlos Airas, de Airas das Letras, que é un mecenas, aínda que el ría cando eu lle digo iso. Foi a raíz de asistir ao Festival de Poesía do Condado, porque me chocou ver dez poetas subir a un escenario enorme e tanto público escoitando poesía; pensei, quero facer isto en Allariz”, relata a Sermos Galiza Carlos da Aira, que lembra aquela primeira edición en que a chuvia estivera a piques de arruinar a iniciativa, “malia todo, a resposta foi impresionante, a carpa estaba chea”. “O seguinte ano, co medo ao mal tempo, adiantamos o Poemagosto un mes, aínda que seguimos a ter ese punto de conexión co magosto, como a través da sobremesa a base de castañas que teñen preparado os de Fina Rei”, agrega.

Do Ecospazo O Rexo á Praza de Abastos. E da Praza de Abastos ao patio do Museo do Coiro, o lugar que desde 2015 dá abeiro ao festival. Carlos da Aira subliña da actual edición o salto internacional, “até o de agora convidabamos poetas de Galiza e de Portugal e quixemos convidar poetas doutras linguas, de Catalunya, Euskadi e Asturies e coa mediación de Yolanda Castaño conseguimos traer poetas como o chinés Hu Xudong”.

Outro dos puntos fortes da cuarta edición ten a ver co carácter participativo, pois terán lugar “recitais espontáneos” polas rúas, “son unha caste de micros abertos para quen queira recitar, mais é necesario inscribirse para o poder facer”, di Carlos da Aira.

O alcalde de Allariz, Paco García, afirma que a colaboración do Concello co Poemagosto ten a ver co apoio loxístico. Sinala, en declaracións a este medio, que “máis alá da iniciativa singular en relación ao significado do Poemagosto está tamén o noso obxectivo de facer de Allariz un espazo atractivo para a veciñanza e para aquelas persoas que nos visitan. Ademais, contribúe á dinamización económica do concello”.

Convidadas

A muller cobra un protagonismo especial nesta cuarta edición, que encabezan as galegas Antía Otero e Yolanda Castaño. “Participar no Poemagosto supón unha alegría moi grande e témonos que sentir tremendamente contentas, sobre todo, tendo en conta que se trata dunha iniciativa desvinculada da centralidade; ocorre en Allariz e non nunha gran cidade, algo que destaco de maneira positiva”, afirma Antía Otero, que apela a “recuperar o lugar para a palabra, non só a dita, senón tamén a musicada”. A creadora de Apiario salienta a variedade lingüística deste ano, “a cuestión idiomática non é nunca unha barreira, senón unha oportunidade”.

Yolanda Castaño afirma que se contan “cos dedos de media man os festivais poéticos que existen nunha terra de tanta tradición poética como é Galiza. Todas as iniciativas son necesarias porque enriquecen o panorama con propostas moi complementarias”, afirma. “A vila de Allariz é do mellor que temos para amosar en materia de patrimonio, arquitectura, arte e cultura, mesmo con fundacións literarias, cafés literarios, movementos asociativos... trátase do contexto ideal, mesmo para apelar á recuperación do interior galego”, subliña a poeta, quen tamén nos pon de manifesto que o Poemagosto “non esquece a vertente lúdica da poesía, con presenza a pé de rúa e de maneira transversal”.

Entradas

As actividades do Poemagosto son de balde agás os concertos da sexta feira e do sábado e mais o xantar de confraternización. As entradas anticipadas están á venda na Libraría Aira das Letras e en https://airadasletras.gal/ a un prezo reducido até o 8 de outubro (entrada para os concertos do 13 e 14, unha camisola e un libro por 15 euros ou a entrada para o concerto dun dos días e un libro por 10 euros).

O programa

SEXTA FEIRA 13 OUTUBRO

20:30h – Patio do Museo do Coiro
– Poesía. Antía Otero e Yolanda Castaño
– Concerto. Luís Pastor

23:59 – Roi Xordo
– Festa apertura IV Poemagosto + Micro aberto (inscrición vía Facebook do Poemagosto ou en [email protected])

SÁBADO 14 OUTUBRO

10:30 – Rúas do casco vello. Inicio  no alto do Portelo
–  Poesía (Poetas participantes + micro aberto)
11:30 – Bule Bule (Praza de Abaixo)
– Peter Punk Pallaso.
12:30 – Bule Bule (Praza de Abaixo) – Praza de Abastos – Patio do Museo do Coiro
– Pandeireteiras Escachaferreñas.
13:00 – Patio do Museo do Coiro.
– Charla – recital “Poesía, Barcelona, Contracultura”,  a cargo de Antonio Orihuela e David Castillo.
14:00 – Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3)
– Xantar do Poemagosto. 10€ (Inscrición previa en [email protected])
17:00 – Patio do Museo do Coiro
– Presentación do libro Hermano Asno a cargo da Asociación de Defensa del Borrico (ADEBO)
17:30 – Patio do Museo do Coiro
– Poesía a cargo de poetas participantes no Poemagosto.
-Pandeireteiras Escachaferreñas
21:00 – Carpa zona Festival Int. de Xardíns
– Concertos:
Folkólicos
A Compañía do Ruído
Raiba

DOMINGO 15 OUTUBRO
Na terraza do Café Bar A Fábrica (Paseo Da Alameda)

11:00 – Combate Poético (Inscrición a través do Facebook ou de [email protected])
12:30 – Poesía. Poetas participantes no Poemagosto + micro aberto
13:00 – CINTAADHESIVA. Concerto Poético.

Comentarios