Poesía e medio ambiente centran o festival Alguén que respira!

A ecopoesía constitúe o eixo da programación.
Joseba Sarrionandia. (Foto: José Goitia)
photo_camera Joseba Sarrionandia. (Foto: José Goitia)

O festival Alguén que respira! apura os últimos preparativos antes de erguer o pano do Teatro Principal de Compostela, sede central dun encontro que se inaugura o sábado 18 de marzo ás 20 horas e que se prolonga até o día 21, Día Mundial da Poesía. O programa foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e o director do festival, Antón Lopo.

O primeiro acto do programa, o sábado 18, servirá de marco teórico ao festival: o ambigú do Salón Teatro acollerá, ás doce da mañá, un café de faladoiro con María Xesús Nogueira e Rosa Berbel. Nogueira é unha das grandes estudosas da ecopoesía na Galiza, ámbito no que realizou importantes achegas teóricas e de rastrexo. Pola súa parte, Rosa Belber, está a facer a súa tese sobre este xénero, ademais de ser un dos nomes máis admirados da poesía española actual.

O 19 subirán ao escenario Keith Payne, Calros Solla e o andaluz Antonio Orihuela nun programa con catro propostas radicais de poesía ecolóxica. Seguirá Insecta Dance Music, unha exploración onírica, a través de música electrónica do dúo Jansky. Joseba Sarrionandia protagonizará a xornada do día 20 recitando os seus poemas acompañado do seu tradutor ao galego, Isaac Xubín, e do cantautor Ruper Ordorika. Como limiar ao bloque, o dúo Versofonía trae a Compostela os poemas de Lady Alpaca, unha das activistas máis carismáticas da Ribeira Sacra.

Claudio Rodríguez Fer foi o encargado de escribir este ano o Manifesto do Día Mundial da Poesía para o festival. O resultado é un Manifesto ecopoético onde o autor reclama "un pensamento radicalmente ecolóxico que nos lembre a interconexión da humanidade cos demais seres animais, vexetais e minerais da Terra e acaso do Universo infinito, sen centros, sen periferias e sen fronteiras, porque a existencia é sempre coexistencia en permanente resistencia como o maquis". A lectura terá lugar no balcón do Teatro Principal á Rúa Nova, inicio dun posterior percorrido que levará os asistentes ao Salón Teatro.

Pola tarde, un recital reunirá 18 poetas da Galiza: Margarita Ledo, Helena Villar, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras, Iago González, Tino de Féliz, Rebeca Baceiredo, Miro Villar, Antía Otero, Olalla Cociña, Arancha Nogueira, Tamara Andrés, Roberto Abuín, Xabier Cordal, Genaro da Silva e Ismael Ramos. Un concerto do dúo Clo Plas fechará o programa

Comentarios