A poesía de "liberdade e amor" de Novoneyra, en italiano

A editorial Aquaplano publica unha escolma da súa obra
uxíonovoneyra
photo_camera O poeta Uxío Novoneyra. Foto: cedida.

Poesie della chiara certezza é o título da antoloxía da poesía de Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel, 1930 - Compostela, 1999) que Marco Paone vén de traducir ao italiano. Aínda que recolle o nome de Poemas da doada certeza i ese brillo premido entre as pálpebras (1994), trátase dunha escolma que recolle textos de toda a súa traxectoria: comeza en 1955 e remata en 1999. A editorial italiana Aquaplano, coa colaboración do Centro de Estudos Galegos de Perugia (Italia) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, encárgase da publicación e onte presentouse en Compostela.

O responsábel de Política Lingüística, Valentín García, gabou no acto "o labor que está a  facer a rede de centros de estudos galegos da Xunta, presente en universidades de tres continentes, para difundir a cultura, a literatura e mais a lingua da Galiza".

Edición bilingüe

A edición é bilingüe, e inclúe os textos orixinais canda a versión italiana de Paone. Este, codirector do Centro de Estudos Galegos de Perugia, tamén escribiu a introdución, en que cualifica o autor d'Os eidos de "poeta telúrico, entre o amor e a liberdade". A súa escolla contén composicións das dúas primeiras edicións d'Os eidos (1955 e 1974), dos Poemas caligráficos (1979), de Muller pra lonxe (1986), de Do Courel a Compostela (1988), de Tempo de elexía (1991), do mencionado Poemas da doada certeza..., de Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes (1999) e de Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (1999). É dicir, da práctica totalidade dunha das traxectorias máis influíntes da literatura galega do XX.

"Os estudosos e poetas que lean esta antoloxía de Uxío Novoneyra, por primeira vez vertido á lingua de Dante, sentirán o desexo de coñecer o Courel e a Galiza toda, así como o idioma en que os poemas foron escritos", sinalou García.

Comentarios