domingo 25/10/20
Cultura

A pegada incandescente de Luz Pozo Garza

Nós Diario repasa un legado lírico inzado de vitalismo e sensualidade, atrevido e innovador no panorama da censura da época de posguerra, froito dunha escrita apaixonada que Luz Pozo Garza mantivo até os últimos anos de vida. Ofrecemos tamén un extracto da entrevista publicada en 2015 no Sermos Galiza.
Luz Pozo Garza homenaxeada pola RAG 
no seu 95 aniversario en 2017 (Xosé Castro).
Luz Pozo Garza homenaxeada pola RAG no seu 95 aniversario en 2017 (RAG)

Luz Pozo Garza faleceu na Coruña aos 97 anos de idade. "Ela é unha poeta dunha intensidade, autenticidade e intimidade emocionante", resume Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. E fala en presente porque "as poetas nunca se van", afirma. Quedan sempre as verbas como legado inquebrantábel, a palabra como testamento que nos liga á eternidade. E no caso de Pozo Garza, estas eran depositarias dun fondo lirismo no que o amor e a sensualidade escintilaban como estrelas guía.

"Ela é unha poeta dunha intensidade, autenticidade e intimidade emocionante", resume Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. E fala en presente porque "as poetas nunca se van", afirma

Desde a Real Academia Galega expresan o seu "fondo pesar" pola defunción da poeta, ensaísta e docente, que formaba parte da institución desde 1950, cando con só 28 anos foi nomeada membro correspondente, pasando en 1996 a ser académica de número e vicepresidenta entre 1997 e 2001. "A súa é unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada", aseguran nun comunicado.

Luz Pozo Garza naceu en Ribadeo en 1922. A guerra civil española arrebatoulle o seu único irmán e rouboulle durante anos o pai, encadeado pola súa condición de militante republicano. En 1936 trasladouse a Lugo, para logo moverse a Larache (Marrocos). De volta na Galiza en 1940, instalouse de novo en Viveiro, onde xa morara entre 1929 e 1936. Este primeiro escenario quer espacial -da Mariña- quer emocional -do conflito bélico- deixaría unha ineludíbel pegada na paisaxe dos seus versos.

O legado literario

A súa obra encádrase na denominada Promoción de Enlace, como pertencente á xeración dos 50. Os seus traballos máis temperáns foron publicados no xornal Las Riberas del Eo (1949). O seu primeiro poemario en galego foi O paxaro na boca (1952), terceira obra tras a publicación de Ánfora -recibida con entusiasmo pola crítica galega e estatal- e El vagabundo: poemas (1952), ambas escritas en castelán. Estreouse na nosa lingua cun canto vitalista ao amor, de versos "inzados dun erotismo feminino inédito na escena literaria do momento, cando a edición de libros en lingua galega se retomaba en medio dunha forte censura", destaca a RAG. Ademais, a obra inaugurou a colección Xistral, proxecto editorial de Ánxel Johán e Manuel María.

Estreouse na nosa lingua cun canto vitalista ao amor, de versos "inzados dun erotismo feminino inédito na escena literaria do momento, cando a edición de libros en lingua galega se retomaba en medio dunha forte censura", destaca a RAG

Pozo Garza instalaríase definitivamente no galego nos anos 70, cando publicou Últimas palabras / Verbas derradeiras, libro que ela mesma autotraduce. A súa produción intensificouse na etapa de madurez, a partir dos anos 80, até sumar máis dunha ducia de poemarios que foron traducidos a distintas linguas. Concerto de outono (1981) e Códice Calixtino (1986) continúan cultivando a sensualidade cunha estética clásica e un desenvolvemento da filosofía platónica que culminaría en 1992 con Prometo a flor de loto, dedicado á memoria do seu compañeiro Eduardo Moreiras, que falecera o ano anterior. "Fálame dende a morte / por se podo entender a súa cruel inocencia / a que abate / a que fire / a que separa e abre fendas", deixaba escrito.

Nos anos seguintes sairían do prelo títulos como Medea en Corinto (2002), As vodas palatinas (2005), As arpas de Iwerddon (2005), Deter o día cunha flor (2009) ou Rosa tántrica (2016).

A pegada rosaliana

A súa poesía viuse moi influída por Rosalía de Castro, á que rendeu homenaxe en Vida secreta de Rosalía (1996), así como no seu discurso de ingreso na RAG, Diálogos con Rosalía, "a primeira intervención deste tipo de escrita no código da poesía", salientan desde a institución. Mais a outro nivel, Pozo Garza recollería a herdanza rosaliana no terreo da analoxía, ao se transformar ela propia nunha das figuras femininas máis emblemáticas  da lírica galega desde o século XIX.

Pozo Garza recollería a herdanza rosaliana no terreo da analoxía, ao se transformar ela propia nunha das figuras femininas máis emblemáticas  da lírica galega desde o século XIX

A súa actividade abrangueu tamén a edición e a crítica literaria. Así, en 1975 cofundou e codirixiu (sobre os feitos, se ben no papel figura como subdirectora) con Tomás Barros a revista Nordés e máis adiante estaría á fronte de Clave Orión. Exerceu como docente de secundaria entre 1964 e 1987 nos institutos de Corcubión, A Coruña e Vigo.

Veterana en activo

Hai pouco máis dun ano, Pozo Garza publicaba o que sería o seu último libro, co que demostraba ser unha das poetas máis veteranas en activo. Pazo de Tor presentaba 30 poemas que afondaban nas súas raíces familiares a través do espazo arquitectónico que dá título á obra, do que proceden os Garza. O propio Freixanes prologaba un volume que, nas súas palabras, era "unha escada de luz que, como nos antigos místicos" leva "cara ao non nomeado, a música das esferas, que non se pode describir".

Este sería o derradeiro poemario dunha traxectoria vital que foi recoñecida en distintas ocasións con galardóns como a Medalla Castelao (1995), o Premio Celanova (2001), o Premio Laxeiro (2013), o Premio Trasalba (2019). Ademais, en 2018 foi nomeada filla adoptiva de Viveiro e en xaneiro deste 2020 foi recoñecida como filla predilecta do seu Ribadeo natal. En 2017 a RAG rendeulle unha homenaxe polo seu 97 aniversario, na que recitaron versos seus poetas de distintas xeracións. A escolma, Un pozo de luz, atópase na web da Academia.

Segundo Freixanes adoitaba dicirlle, facía honra ao seu nome: "Era unha muller luminosa, no talento e na xenerosidade"

Radiante, cegadora, solar, incandescente. A súa luz tiña, e seguirá a ter, moitas vertentes. Pois segundo Freixanes adoitaba dicirlle, facía honra ao seu nome: "Era unha muller luminosa, no talento e na xenerosidade". Quen a coñeceu quedará non só coa "sensibilidade exquisita" da que dá conta a súa obra, senón co aspecto persoal no que destacaba a súa afectividade, "cariñosa, sempre na procura de crear espazos nos que entenderse que tanto precisa este país", asegura o presidente da RAG. É por iso que brillará sempre, aínda sen atravesar "a materia do pranto", nas súas verbas, "tal nave que deriva / no centro en sombras do misterio".

A continuación, Nós Diario reproduce un extracto da entrevista realizada por Mercedes Queixas Zas en 2015 á poeta, publicada no número 169 do semanario Sermos Galiza.

Entrevista

Que incidencia puido ter Ribadeo na súa escrita?

Ribadeo é o meu berce literario porque todo o que teño en min naceu de Ribadeo. A xénese de todo, tamén creativa, reside nas tres casas que habitamos, sempre en réxime de aluguer, nunca tivemos casa en propiedade. Primeiro, na casa onde nacín en San Roque; despois, nunha casa de campo en Cantalarrana, próxima ao río onde había unha luz marabillosa en que me sentía fundida coa natureza; finalmente, na última casa, máis céntrica, perto da igrexa, onde pasaba medos horríbeis porque alí se xuntaban as mozas das casas e contaban contos de medo. Aí descubrín o medo.

Que pouso de Ribadeo está na súa escrita poética?

Ribadeo está moi presente nos meus poemas, sobre todo nos primeiros tempos. Está en todo, aínda que non o mencione explicitamente. Alí é onde coñecín o mar bravo e as primeiras visitas á praia coa miña nai e meu irmán vividas con moita emoción; o mar onde un día descubrín con sorpresa os golfiños 
saltando no
 horizonte. En Vida secreta de Rosalía está o mar de Ribadeo e as cunchiñas de Reinante. En Prometo a flor de loto reaparece, así como no propio título de Ribadeo, Ribadeo.

Ánfora (1949) foi o primeiro poemario publicado en castelán e O paxaro na boca (1952) o
 terceiro, 
xa 
en 
galego. 
Como 
se 
produce a mudanza de lingua no seu proceso de evolución creativa?

É completamente diferente para min escribir nun idioma ou noutro, mais a progresión da obra está en toda a poesía, independentemente da lingua de creación. O paxaro na boca nace grazas a Manuel María, despois do éxito de Ánfora. El mesmo escribiu críticas moi eloxiosas sobre o meu primeiro poemario. Animoume moito a escribir en galego. Dicíame que Galiza necesitaba poetas. Era boísimo, moi boa persoa. A min non se me ocorría escribir en galego porque non o falaba, mais non era para min un idioma descoñecido porque o tiña interiorizado desde a lectura de poemas de Rosalía de Castro e de Curros Enríquez (a quen admiraba meu pai). Tiña moitos poemas aprendidos de memoria. Despois de cear, todos os días liamos en voz alta e comentabamos os poemas. 

O paxaro na boca traza algunhas liñas moi presentes na súa poesía.

É un libro de amor soñado, dedicado a quen máis tarde sería o meu home, Eduardo Moreiras. Retrata experiencias vividas en Viveiro e nel son fundamentais as xentes do mar, os mariñeiros e as mulleres que ían vender peixe á praza.

Códice Calixtino é considerada unha obra canónica da literatura galega. Que representa para vostede?

Foi un proceso creativo novo para min. Era dona dunha capacidade de relación madura, persoal e intelectualmente. Sempre tivo moi boa acollida este libro, mais eu encóntrome moito mellor con Últimas palabras / Verbas derradeiras. Síntome moito máis 
identificada con esa escrita porque reproduce a expresión máis íntima do meu pensamento amoroso.

A percepción e recoñecemento do público e da crítica literaria ante unha obra non sempre coincide coa persoal de quen escribe. Con que poemarios non deixou de sentirse 
identificada.

Á parte dos mencionados Ánfora, Últimas palabras / Verbas derradeiras e Vida secreta de Rosalía, gustaríame destacar As arpas de Iwerddon e Medea en Corinto. Son libros nos que aínda me encontro hoxe, non os sinto pasados de moda. Unha mención especial debo facer para Sol de medianoche, publicado en 2013 e que naceu coa perda da miña neta. É o poemario máis intensamente sentido.

comentarios